fbpx


      
A campaña ‘Man a man contra Violencias Machistas’, impulsada pola Concellería de Igualdade con motivo da conmemoración, o día 25 de novembro, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, viviu este mércores unha das súas iniciativas máis novidosas no IES. O alumnado de 1º de ESO participou no Escape Feminista. Trátase dun xogo de escape no que, para poder ir avanzando e superando niveis, os e as estudantes debían resolver unha serie de enigmas e, deste xeito, acadar as chaves da igualdade. Os obxectivos que se perseguen a través desta actividade, que se dividiu en varias sesións, son reforzar a prevención de actitudes machistas no ámbito educativo, de maneira que se incida na eliminación de determinados roles e evitar estereotipos sexistas.

Cómpre lembrar que no instituto tamén se levou a cabo un taller afectivo-sexual, impartido por responsables da Asociación  de Familias Galegas Trans Arelas, encamiñado a axudar a visualizar á mocidade os os problemas de desigualdade que provoca a LGTBIfobia. Por outra banda, a concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), lembra que segue aberto o prazo de inscrición para participar na Andaina  Paso a Paso Libre de Violencia de Xénero, que partirá este domingo, 28 de novembro, do Bosque das Mulleres de Lourido (10.30 horas) e chegará ata a Praza da Chousa de Combarro, onde se procederá á lectura do manifesto e se abrirá ao público unha exposición coas pezas artísticas e material audiovisual elaborado durante estas semanas polas integrantes dos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Muller. Tamén está prevista unha acción poética a cargo de Lúa Mosquetera. A día de hoxe xa hai inscritas preto de 150 persoas. As primeiras 200 que se anoten recibirán como agasallo diverso material conmemorativo do 25N. As anotacións poden realizarse a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..