fbpx

Xa están en marcha os traballos para a reforma integral da Primeira Travesía da Seara. Os operarios da empresa adxudicataria, EC Casas, comezaron as obras esta mesma semana. As primeiras tarefas céntranse no levantamento do firme, para a dotación e renovación de diferentes servizos básicos. A tenente de alcalde e responsable de Obras e Servizos Municipais, Chelo Besada (PSOE), visitou a zona este mércores, acompañada polo tamén socialista Gregorio Agís, responsable da área de Urbanismo e Promoción Económica. Os integrantes do Goberno local confían en que a actuación estea lista en poucos meses, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan.

Grazas a este proxecto, este ramal, que conecta a PO-308 ao seu paso polo centro de San Xoán e o núcleo principal da Seara, pasará a gozar dunha importante mellora nos servizos de saneamento, así como na separación de pluviais e abastecemento. Contémplase, asemade, o soterramento de tendido eléctrico e a canalización para telecomunicacións. Finalmente, haberá novo alumeado e unha superficie de empedrado, seguindo a filosofía xa iniciada nas obras da vía principal da Seara, para garantir a harmonía e o respecto coa contorna deste núcleo tradicional. “Esta é unha aposta que caracteriza a todos os proxectos que estamos a impulsar neste tipo de núcleos”, recorda a tenente de alcalde.

O orzamento deste proxecto ascende a un total de  151.856,78 euros, IVE engadido. A actuación impulsouse a maiores da xa completada no núcleo da Seara, que no seu día tivo que volver a sacarse a licitación polo cese repentino de actividade da empresa Nexia. Este imprevisto foi aproveitado polo Concello para elaborar máis proxectos a maiores, que serven para estender a mellora ás conexións próximas. En total, o investimento realizado nas melloras realizadas nesta contorna supera os 600.000 euros, que se financian a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2021.

Durante a realización destas obras, será necesario realizar cortes puntuais de tráfico ao longo da Primeira Travesía da Seara, tal e como puntualizaron Chelo Besada e Gregorio Agís.