fbpx

Varios membros da Asociación de Alumnos e Exalumnos Sénior da Universidade de Vigo-Campus de Pontevedra (ASAEXS) participaron o pasado luns nunha excursión a Poio, que incluíu visitas a diferentes lugares de interese do municipio. Unha das primeiras paradas foi na Casa-Museo de Colón, en Portosanto, onde os e as integrantes da expedición tiveron a ocasión de coñecer as instalacións e familiarizarse coa teoría da orixe galega de Colón.

Ademais, os alumnos e Exalumnos da Universidade de Vigo tamén aproveitaron a súa estancia en Poio para coñecer o Mosteiro de San Xoán, así como o emblemático Bosque de Secuoias. A expedición estivo encabezada polo presidente da Asociación Galicia Histórica, Pedro Martín. Cómpre lembrar que este colectivo é un dos máis activos no que á difusión e posta en coñecemento da teoría do Colón Galego se refire.

Esta visita guiada súmase ás acollidas pola Casa Museo desde a súa reapertura hai uns meses. Nese tempo, as dependencias foron visitadas por máis de 600 persoas, cumprindo en todo momento coas directrices e medidas emitidas polas autoridades sanitarias por mor da pandemia da COVID-19. Esta cifra practicamente duplica á acadada durante o ano 2020, tal e como lembra o Concello de Poio.