fbpx

A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), presentou na mañá deste venres a programación a desenvolver para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que terá lugar o 25 de novembro. Obradoiros destinados á mocidade, iniciativas de carácter creativo e artístico e a recuperación da tradicional Andaina Paso a Paso Libre de Violencia de Xénero son algunhas das actividades que se desenvolverán no tramo final do mes. VER PROGRAMA

Díaz, que estivo acompañada na presentación polas responsables do Centro de Información á Muller (CIM) e representantes dos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Muller, explicou que todas estas citas forman parte da campaña ‘Man a man contra Violencias Machistas’, a través da cal “queremos impulsar e consolidar entre a mocidade, o eido educativo, o social e a cidadanía en xeral valores e ferramentas que consoliden a prevención e a eliminación da violencia contra as mulleres”. A concelleira de Igualdade sinalou que todas estas actividades farán fincapé en cuestións como a visibilidade de desigualdades, os dereitos do colectivo LGTBI ou a supresión de roles e estereotipos sexistas. Para a realización desta campaña contouse cunha achega obtida a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Dentro da programación, o IES cobrará un especial protagonismo. O instituto acollerá varios talleres dirixidos ao alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO (máis de 300 estudantes en total). Estes dous últimos cursos son os destinatarios dunha das primeiras citas da campaña. Será o 22 de novembro cando se desenvolva o obradoiro de diversidade afectivo-sexual impartido por persoal da Asociación de Familias Galegas Trans Arelas. Promover o dereito a seren diferentes e dar visibilidade aos problemas de desigualdade que provoca a LGTBIfobia son algúns dos seus obxectivos. O centro educativo tamén acollerá obradoiros sobre violencia na contorna dixital. Ademais, o 24 de novembro o alumnado de 1º de ESO terá ocasión de participar no ‘Escape feminista’. “Trátase dun xogo de escape no que as rapazas e rapaces deberán resolver enigmas para poder atopar as chaves da igualdade”, explica Silvia Díaz. A iniciativa, que constará de tres sesións, busca reforzar a prevención de actitudes machistas no ámbito educativo, axudando, deste xeito, “a eliminar determinados roles e evitar estereotipos sexistas”.

Unha das novidades que inclúe a campaña ‘Man a man contra Violencias Machistas’ ten que ver coas actividades destinadas ás asociacións de mulleres que forman parte do Consello Municipal da Muller. O domingo 28 de novembro organizarase unha exposición aberta ao público, a través da cal se darán a coñecer pezas artísticas e material audiovisual que se irán elaborando ao longo deste mes, grazas á implicación destes colectivos. “Apostamos pola poesía virtual e a creación artística para transformar ideas, emocións e desexos en imaxes”, indica a edil de Avante Poio. Tamén se elaborará contido específico para difundir a través das redes sociais e postais en soporte físico, que se repartirán polo municipio para identificar as diferentes violencias machistas existentes na actualidade.

Á marxe destas novidades, na programación tamén se inclúe un parón institucional o día 25 de novembro, ás portas do Consistorio, e a recuperación da Andaina Paso a Paso Libre de Violencia de Xénero, suspendida en 2020 pola COVID-19. Esta cita será o domingo 28 de novembro, con saída ás 10.30 horas do Bosque das Mulleres de Lourido e chegada ás 12.00 horas (aproximadamente) á Praza da Chousa de Combarro, onde se procederá á lectura do manifesto. Pechará o acto a artista Lúa Mosquetera cunha accións poética. Silvia Díaz rematou lembrando que as primeiras 200 persoas que se inscriban na andaina recibirán bolas, chapas, pulseiras, postais e diverso material conmemorativo desta campaña “tan necesaria para continuar avanzando na supresión da violencia contra as mulleres”.