fbpx

A empresa Técnicas Aplicadas al Medio Rural Sociedad Limitada será a encargada de redactar o proxecto técnico correspondente á rehabilitación integral da rúa Ramón Encinas, situada nas inmediacións do peirao de Raxó. O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, o socialista Gregorio Agís, lembra que esta ambiciosa actuación suporá “un antes e un despois” no que a seguridade peonil, dotación de servizos e redución da pegada de carbono se refire.

Os traballos financiaranse nun 80% a través dos fondos que obtivo o Concello, xestionados de xeito directo por este departamento municipal, do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Goberno central. En concreto, a contía obtida supera os 563.000 euros. O 20% restante será asumido polas arcas municipais. En total, investiranse máis de 800.000 euros na actuación.

Un total de once empresas foron as que se presentaron ao concurso aberto pola Administración local para a adxudicación da redacción do proxecto técnico, así como da dirección de obra. Finalmente, a entidade adxudicataria contará cun orzamento que ascende a un total de 28.193 euros, IVE engadido. Gregorio Agís confía en que a elaboración deste documento se faga realidade no menor tempo posible, de cara a iniciar o proceso de adxudicación das obras. En todo caso, o responsable de Urbanismo e Promoción Económica insistiu, unha vez máis, en que os detalles do proxecto serán presentados ante a veciñanza, “de xeito que poidan coñecer de primeira man os grandes beneficios que supón esta obra tan ambiciosa, que é moi necesaria para revitalizar un emprazamento chave desde o punto de vista turístico e social”.

A obra incluirá a humanización e pavimentación, con materiais sostibles e de gran calidade, nunha lonxitude de preto de 300 metros, ademais da creación de dúas zonas exclusivas para peóns, unha na parte máis próxima á praia e outra ás vivendas e locais existentes na zona, o que redundará “nunha mellora da accesibilidade, facilitando o tránsito a pé e en bicicleta”, sinala Gregorio Agís, que tamén destaca a dotación de servizos básicos na zona. Se non hai contratempos, a obra será unha realidade no verán de 2023. Desde o comezo do mandato, a Concellería de Urbanismo e Promoción Económica realizou xestións para a obtención de fondos do IDAE por valor de máis de 3 millóns de euros, destinados a diferentes proxectos de mellora da eficiencia enerxética, a posta en valor de núcleos tradicionais e de mellora da seguridade peonil.