fbpx

A Concellería de Benestar Social e Mocidade informa de que o curso de iniciación á caligrafía creativa, que estaba inicialmente previsto para o vindeiro venres 19 de novembro, queda aprazado, pendente de concretar unha nova data. Esta iniciativa forma parte do programa ‘Cóllele o gusto’, impulsado polo departamento de Mocidade, dirixido pola socialista Rosa Fernández, que tamén inclúe un curso, a desenvolver na primavera de 2022, sobre cianotipia, unha técnica que mistura o máis tradicional da fotografía e o deseño, mediante o uso da luz solar, e un taller de macramé, que foi impartido por Ana Lobredo a pasada fin de semana.

Este programa ofrece formacións específicas, dentro do amplo calendario de actividades que a concellería prevé desenvolver entre os meses de outubro e de xuño do vindeiro ano. Moitas das iniciativas recupéranse despois de que tivesen que ser suspendidas por mor da pandemia de COVID-19.

Este foi o caso, por exemplo, do curso de paquetería creativa, que se inaugurou a principio de novembro e que finalizará o vindeiro sábado 20 na Biblioteca de Besada, na parroquia de San Salvador, entre as 17.00 e as 21.00 horas. A iniciativa é de carácter gratuíto e inclúe a entrega de materiais. A monitora do obradoiro, Patricia Maquieira, instrúe ás persoas inscritas sobre técnicas de empaquetado, para produtos e agasallos de diferentes tamaños, de xeito que se poidan realizar de maneira sostible e económica, á vez que con orixinalidade e cunha boa presenza. Ademais, neste mes de novembro tamén deu inicio unha nova edición do curso de cociña de Elena Argüello. En principio, o ciclo contará con catro sesións, todas a desenvolver na Casa Rosada. En caso de que exista demanda, as sesións ampliaranse, tal e como indicou a concelleira de Benestar Social e Mocidade.

Para obter máis información relacionada coas iniciativas desenvoltas por este departamento municipal, as persoas interesadas poderán asesorarse chamando ao número de teléfono 986872401.