fbpx



O Concello de Poio contempla a execución dunha ambiciosa actuación no campo de fútbol da Reiboa, na parroquia de San Xoán, promovida para acometer a renovación do céspede de herba sintética, ademais doutras melloras. Así o explica a concelleira responsable do departamento de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, que fai fincapé na necesidade de levar a cabo estes traballos “agora máis ca nunca, tendo en conta que o pulso da competición e da práctica do deporte fai collendo ritmo, grazas á boa evolución da situación sanitaria”.

O proxecto está valorado en aproximadamente 294.000 euros, IVE engadido. No vindeiro Pleno ordinario abordarase unha modificación orzamentario para poder executar a actuación, moi demandada polos clubs que utilizan habitualmente estas instalacións para competir e adestrar. Grazas a esta obra, o campo de fútbol da Reiboa pasará a contar cunha superficie de última xeración, que “cumprirá con todos os requisitos de calidade establecidos pola FIFA”, sinala Caldas Moreira. Este novo céspede substituirá ao actual, que se atopa moi deteriorado.

Unha vez se complete toda a tramitación previa, que incluirá o pertinente proceso de licitación, a actuación comezará coa retirada de elementos como os bancos e as porterías, ademais do céspede actual. Unha vez retirada esta superficie, procederase á reparación do asfalto, co obxectivo de garantir unha correcta escorrentía de augas, o que axudará a evitar acumulacións no céspede en época de choivas. Ademais, no proxecto inclúese a limpeza e posta a punto do sistema de drenaxe. Finalmente, habilitarase o novo tapete. Ademais, a concelleira de Deportes informa de que este proxecto aproveitarase tamén para renovar as porterías, as bandeirolas dos córners e os canóns de rego. Por outra banda, a edil do Goberno local confirmou que se levarán a cabo traballos de posta a punto das pistas exteriores, así como o mantemento dos circuítos da Escola de Ciclismo. “Buscamos consolidar este emprazamento como unha zona multiusos, na que se poidan desenvolver diferentes modalidades deportivas”, sinalou.

Caldas incidiu na importancia de poder facer realidade unha actuación “que dá resposta ás necesidades dos clubs” e lembra que “para este Goberno o deporte seguro e os hábitos saudables son un obxectivo prioritario, polo que continuaremos traballando para mellorar e potenciar as instalacións municipais sempre que sexa necesario”.