fbpx

A Casa Museo de Colón, situada no lugar de Portosanto, na parroquia de San Salvador, recibiu desde a súa reapertura ao público a principios do pasado mes de abril a un total de 584 visitantes. A previsión é que de aquí a que as dependencias pechen as súas portas o vindeiro 30 de outubro, se superen as 600 visitas. Esta cantidade é moi superior á acadada o ano pasado. En concreto, o aumento é de máis do 46%, xa que entón foron 313 as persoas que se achegaron ata o museo poiense, inaugurado no ano 2010.

A concelleira de Participación Veciñal, Turismo e Espazos Cidadáns, Silvia Díaz (Avante Poio), valora de xeito moi positivo este incremento de visitas, máxime tendo en conta que “este ano o horario de atención ao público é só de mañá (de 9.30 a 14.30 horas, de martes a sábado), mentres que en 2020 era de mañá e de tarde”. Díaz Iglesias lembra que “en todo momento se foron cumpriron coas medidas de aforo, hixiene e distanciamento que as autoridades sanitarias foron determinando en función da evolución da pandemia da COVID-19, tanto á hora de organizar visitas guiadas para grupos como para recibir a turistas de xeito puntual”.

Con respecto á procedencia dos e das visitantes, a maioría das persoas que quixeron coñecer as dependencias de Portosanto, a través das cales se defende a teoría da procedencia galega de Cristóbal Colón, proviñan das provincias de Pontevedra e da Coruña, ademais doutras comunidades como Madrid, Castela A Mancha e Castela León. Con respecto ao perfil da idade, o 35% destas persoas tiñan entre 36 e 60 anos. Á hora de recibir visitas en grupo, Silvia Díaz tamén agradece a implicación de colectivos como a Asociación Galicia Histórica, “que vén realizando desde hai xa varios anos un gran labor no que á difusión da teoría do Colón galego se refire, a través de iniciativas que se desenvolven na propia Casa Museo”. No que a visitas organizadas se refire, a edil de Turismo lembra que a vindeira semana as dependencias de Portosanto recibirán a máis de 30 rapaces e rapazas do colexio CPR Inmaculada Concepción de Marín.

Desde a súa apertura en abril, o museo contou cunha conserxe contratada temporalmente a través da Liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Agora, a intención do Concello é continuar consolidando a Casa Museo como punto de interese para a veciñanza e os e as visitantes que cada ano recibe Poio durante todo o ano. Precisamente, no pasado verán deuse un paso moi importante para acadar este obxectivo, ao obter unha subvención de 54.000 euros por parte do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), que se destinará á contratación de persoal e ao desenvolvemento de actividades e iniciativas para a súa promoción, como a elaboración de novos contidos audiovisuais ou a organización de charlas e eventos. A tramitación para a obtención desta achega foi realizada polas concellerías de Pesca e Marisqueo e Participación Veciñal, Turismo e Espazos Cidadáns.

Ademais, desde 2020 a Casa Museo de Colón forma parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), que é un proxecto que se encarga de promover os destinos turísticos integrados no arco atlántico, a través dun intercambio cultural e patrimonial ligado á tradición mariñeira dos territorios.