fbpx

O investimento realizado polo Concello de Poio á hora de impulsar a humanización, dotación de servizos e recuperación da contorna tradicional do núcleo da Seara, na parroquia de San Xoán, supera os 600.000 euros. En concreto, son 621.389,75 euros, IVE engadido, repartidos en tres actuacións de calado. Precisamente, hai uns días a Xunta de Goberno Local adxudicou á empresa EC Casas a realización da obra prevista na Primeira Travesía da Seara, cun orzamento que ascende a un total de 151.856,78 euros.

A alcaldesa en funcións e concelleira de Obras e Servizos Municipais, Chelo Besada, lembra que este proxecto é un dos impulsados pola Administración municipal para mellorar a actuación contemplada inicialmente na vía principal da Seara e que non foi completada pola empresa Nexia, polo seu cese repentino de actividade en 2020. Isto obrigou ao Goberno local a volver a iniciar o pertinente proceso de licitación, feito que foi aproveitado para estender as melloras a outros ramais pertencentes a este núcleo. Este tamén é o caso do proxecto de mellora do Camiño Casal, cuxa licitación foi aprobada recentemente, cun importe de máis de 180.000 euros e que será adxudicado unha vez finalice o proceso de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas.

No caso da Primeira Travesía, procederase á mellora nos servizos de saneamento, así como na separación de pluviais e abastecemento. Asemade, a firma adxudicataria deberá acometer o soterramento do tendido eléctrico e a canalización para telecomunicacións. Finalmente, haberá novo alumeado e unha superficie de empedrado, seguindo a filosofía xa iniciada nas obras da vía principal da Seara, para garantir a harmonía e o respecto coa contorna deste núcleo tradicional.

Estes investimentos complétanse cos 289.532,97 euros empregados para completar a actuación principal no núcleo, rematada pola empresa Marconsa nos últimos meses. Neste caso, quedaran pendentes de realizar traballos de gran importancia, como a instalación dos colectores de pluviais e saneamento e a construción dun novo pontón, así como a dotación de empedrado ao longo da vía. Nestas zonas, ademais, faise unha aposta pola mellora da seguridade viaria, ao reducirse a velocidade a 30 quilómetros por hora. Chelo Besada confía en que as obras tramitadas e adxudicadas nos ramais se leven a cabo no menor tempo posible para “culminar un proceso que servirá para poñer en valor un núcleo moi importante da parroquia de San Xoán e dar resposta ás demandas da veciñanza en materia de seguridade e servizos”. Estes investimentos proveñen dos fondos obtidos a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.