fbpx



Desde hai case tres décadas (concretamente, desde o ano 1993) o Concello de Poio rende homenaxe aos matrimonios que chegan ao medio século de convivencia. Este recoñecemento ao amor de toda unha vida volverá ser protagonista nas vindeiras semanas, grazas á Concellería de Benestar Social e Mocidade. Iso si, por segundo ano consecutivo, a tradicional gala que se realizaba na Casa Rosada con todas as parellas protagonistas será substituída pola entrega no fogar, a cargo da propia concelleira responsable deste departamento, Rosa Fernández, dun obsequio conmemorativo.

A edil do PSdeG-PSOE confía en que na edición de 2022 xa se poida retomar este evento con normalidade. “A día de hoxe é certo que a situación sanitaria mellorou moito, pero entendemos que é mellor ser prudentes e aprazar o acto ata cando exista xa unha normalidade absoluta”, razoa a concelleira de Benestar Social, que explica que as técnicas municipais xa están a traballar para que esta iniciativa se leve a cabo nas vindeiras semanas. Será entón cando Fernández González se traslade ás vivendas dos matrimonios que casaron hai 50 anos e que seguen xuntos para facerlles entrega dun obsequio, a modo de recoñecemento “por facer do amor e da convivencia a súa bandeira”. Deste xeito, como xa é habitual, o Concello busca a parellas que ou ben casaran no municipio no ano 1971 ou noutros concellos e que leven vivindo en Poio durante moitos anos).

O cambio de formato resultou todo un éxito en 2020, cando, por primeira vez e por mor da pandemia da COVID-19, se descartou a homenaxe presencial. Nesa edición, a Concellería de Benestar Social e Mocidade fixo entrega dos obsequios a un total de 31 familias. Neste sentido, o departamento dirixido por Rosa Fernández fai un chamamento á cidadanía para axilizar a localización de matrimonios que este ano celebren as súas vodas de ouro, chamando ao teléfono 986872401. O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 25 de outubro.