fbpx

O núcleo de Campelo xa dispón de 30 novas prazas gratuítas de estacionamento, a disposición da veciñanza. A alcaldesa en funcións, a socialista Chelo Besada, acompañada polo concelleiro de Urbanismo, o tamén socialista Gregorio Agís, inspeccionou esta mañá o estado das parcelas, despois de que culminasen os traballos de posta a punto destes espazos, que foron levados a cabo nas últimas semanas. Estas tarefas fixéronse realidade logo de que chegasen a bo porto as negociacións realizadas pola concelleira de Obras e Servizos cos propietarios destas fincas privadas, que accederon a cedelas para poñer solución á falta de aparcadoiros na zona.

Besada explicou que estas prazas xa poden ser utilizadas pola cidadanía. Deste xeito, cumpriuse co obxectivo de que este servizo estivese á disposición da xente antes da celebración dos concertos do Festival da Ameixa, que terán lugar os días 17 e 18 de setembro. As dúas parcelas atópanse na rúa Pedro Soto e en Padre Avelino, próximas ao núcleo de Campelo, polo que “poderán ser utilizadas non só polos veciños e veciñas da contorna, senón tamén por todas as persoas que teñan que achegarse ao lugar para realizar algún tipo de xestión nos negocios e locais comerciais existentes neste lugar”, sinala a alcaldesa en funcións.

En total, os operarios traballaron na posta a punto dunha superficie que ascende a preto de 1.000 metros cadrados. Unha das parcelas dará cabida a 18 vehículos e outra a unha ducia. Esta non será a única actuación encamiñada a dotar de aparcadoiros a Campelo, tal e como xa explicara no seu momento a propia Chelo Besada. “Seguimos mantendo negociacións con outros propietarios de parcelas próximas para que no menor tempo posible poidamos habilitar novos espazos”, indica a titular de Obras e Servizos, que lembra que este verán tamén habilitaron aparcamentos disuasorios en Raxó (nunha finca particular colindante coa PO-308 na Avenida da Toxa, con capacidade para uns 15 vehículos) e en San Salvador. Neste último caso, trátase dun aparcadoiro disuasorio situado entre as rúas Palestina e Camiño das Bocas, con capacidade para 300 vehículos. “Continuaremos traballando para dar resposta a estas necesidades en todos os lugares nos que así sexa necesario”, garantiu Chelo Besada, que, unha vez máis, agradeceu a colaboración e implicación das persoas titulares á hora de negociar as cesións co Concello. “A súa predisposición facilitou moito as xestións”, recoñeceu.

No caso de Campelo, a dotación de novas prazas de estacionamento serve para completar as reformas efectuadas pola Deputación de Pontevedra nas rúas EP-0601 e EP-0602 en materia de seguridade viaria, con “investimentos millonarios”, tal e como lembraron Agís e Besada.