fbpx

Logo dun pequeno descanso durante o mes de agosto, a Aula Cemit de Combarro, situada na Escola do Campo, retomou este luns a súa actividade no que ao desenvolvemento de cursos gratuítos presenciais se refire. Durante esta semana, as dependencias acollen, entre as 10.30 e 12.00 horas, sesións formativas na utilización do programa de realización de follas de cálculo LibreOffice Calc. Entre hoxe luns e o venres 17 de setembro as clases estarán destinadas a persoas que queiran iniciarse no uso desta aplicación, mentres que a vindeira semana, do 20 ao 23, as sesións serán de nivel medio.

A maiores, entre os días 27 e 29 de setembro terá lugar un curso sobre presentacións on line, nos que se achegan ferramentas e pautas para levar a cabo videoconferencias de xeito dinámico e sinxelo. Precisamente, a programación deste mes pecharase o día 30 cunha sesión sobre a utilización de programas como Skype e páxinas como Google ou Facebook para realizar videoconferencias, unha metodoloxía que foi gañando protagonismo desde o inicio da pandemia. Desde a Aula Cemit infórmase de que todos os cursos son de carácter gratuíto e terán lugar entre as 10.30 e as 12.00 horas. As persoas interesadas en anotarse poderán facelo chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1321) ou enviando un correo electrónico cos seus datos persoais á dirección Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Ademais, desde hoxe tamén está a disposición da cidadanía a Aula Aberta, de luns a venres, de 9.30 a 10.30 e de 12.00 a 14.00 horas. As agrupacións e colectivos de Poio poderán reservar as instalacións para a realización de cursos, previa solicitude. Todas as iniciativas cumpren co aforo e as medidas hixiénicas que marcan as autoridades sanitarias por mor da COVID-19.