fbpx

Preto de 100 rapaces e rapazas menores de 12 anos tomaron parte nas últimas semanas nas sesións dos Talleres en Espazos Abertos, unha iniciativa que forma parte do programa de verán impulsado pola Concellería de Benestar Social e Mocidade. A través destas sesións, o departamento dirixido pola socialista Rosa Fernández ensinou á rapazada a elaborar deseños, bonecos e elementos de decoración utilizando material de refugallo. Desde o seu inicio en xullo, estas citas tiveron lugar en lugares como Vilariño, Lourido, Campelo, Combarro, Samieira e Raxó, onde finalizaron os obradoiros a pasada semana. Fernández González fai un balanzo moi positivo da iniciativa, que xa é un clásico do verán en Poio.

“Ademais da cantidade de nenos e nenas que se animaron a participar tamén hai que salientar a implicación das súas familias. Foron moitos os pais, nais, avós e avoas que botaron unha man na elaboración dos elementos”, explica. As sesións realizáronse ao aire libre e cumprindo con todas as medidas de seguridade e hixiene decretadas polas autoridades sanitarias. “As sesións facíanse con grupos reducidos”, sinala Rosa Fernández.

A través desta iniciativa o que busca a Concellería de Benestar Social e Mocidade é, por unha banda, ofrecer unha fórmula de lecer divertida e formativa ás crianzas, ao mesmo tempo que se poñen en valor espazos, prazas e zonas ao aire libre das parroquias do municipio.

Festa alternativa de despedida do verán

Por outra banda, o departamento municipal tamén está a traballar para poder celebrar a súa tradicional Festa de Despedida do Verán adaptándose ao contexto da COVID-19. Descartada a fórmula tradicional, para preservar todas as medidas de seguridade, unha opción que se contempla é trasladar a cita aos centros educativos, onde se formarían grupos burbulla. Rosa Fernández sinala que “estamos falando cos e coas responsables dos colexios, para ver se é posible”, xa que “a nosa intención é premiar ás crianzas polo seu comportamento exemplar desde o inicio da pandemia”. Neste sentido, a Concellería de Benestar Social e Mocidade aposta por agasallar á rapazada con medallas, facendo un guino aos Xogos Olímpicos, xa que “todos eles amosaron un gran espírito olímpico e seguiron unha gran disciplina na loita que todos e todas mantemos en favor de acadar unha nova normalidade e apostar pola saúde”, conclúe Rosa Fernández.