fbpx

A Deputación Provincial de Pontevedra vén de realizar unha achega económica ao Concello de Poio que se utilizará para a redacción dun proxecto de mellora na conexión entre os núcleos de Padrón e Casalvito, na parroquia de Combarro. A tramitación desta axuda foi levada a cabo polo departamento de Urbanismo e Promoción Económica, dirixido por Gregorio Agís. O concelleiro do PSdeG-PSOE explica que “grazas a esta subvención poderemos financiar a obra, que contará cun orzamento que ascende a uns 16.000 euros aproximadamente”.

En concreto, estes fondos proveñen da liña de axudas da Rede Ágora. Trátase dun programa que a institución provincial ofrece a concellos que contan con menos de 50.000 habitantes, en aras de impulsar actuacións que promovan espazos seguros e itinerarios peonís e ciclistas. Ademais deste requisito, a Administración local solicitante tamén debe figurar adherida á Rede Ágora, algo que Poio cumpre, logo de que o Pleno da Corporación aprobase esta adhesión na sesión ordinaria de setembro de 2020.

O edil de Urbanismo e Promoción Económica amósase satisfeito pola obtención desta axuda e sinala que o proxecto, que deberá ser unha realidade antes de 2023, seguindo os prazos que marca a Rede Ágora, redactarase centrándose en cuestións como a dotación dunha plataforma única, para garantir a mobilidade e accesibilidade e, ao mesmo tempo, poñer en valor a contorna. “Somos conscientes de que esta conexión é moi utilizada pola veciñanza, polo que entendemos que a actuación é moi necesaria”, indica Agís, ao tempo que lembra que “seguimos unha folla de ruta moi clara, a través da cal se busca humanizar, mellorar e dotar dunha mellor accesibilidade e seguridade viaria aos nosos núcleos tradicionais”.

Precisamente, seguindo esta filosofía tamén se atopa o proxecto para a mellora e posta en valor do núcleo de Xuviño, unha ambiciosa actuación cuxo expediente xa recibiu a aprobación da Xunta de Goberno Local, polo que sairá a licitación en breve. Cómpre lembrar que para levar a cabo estes traballos a Concellería de Promoción Económica obtivo máis de 250.000 euros, xestionados de xeito directo a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE).