fbpx

O Concello de Poio convoca ao tecido asociativo de San Xoán a unha reunión no local sociocultural de Campelo, que terá lugar este venres, 27 de agosto, ás 20.00 horas, para abordar a problemática do peche anunciado por Abanca da sucursal sita na rúa Pedro Soto, unha medida prevista para setembro e que suporía o traslado do servizo a Combarro, deixando ao principal núcleo da parroquia de San Xoán só un caixeiro automático e sen oficina de atención ao público.

Tal e como explica o equipo de Goberno liderado por Luciano Sobral, esta cita realízase para dar traslado ás asociacións das medidas e propostas que desde a Administración local se queren impulsar para tratar de evitar o peche da oficina bancaria. Os dirixentes municipais fan un chamamento ao tecido social de Campelo para que participe na xuntanza. O Concello remitiu esta mañá a convocatoria da reunión aos diferentes colectivos e agrupacións sociais e culturais da localidade, así como ás confrarías e aos responsables da lonxa. A reunión terá lugar un día despois do Pleno convocado para o xoves, ás 19.30 horas, no que, entre outros temas, prevese a aprobación dunha moción impulsada desde o Goberno municipal na que se postula en contra da medida tomada de xeito unilateral por Abanca. En caso de que esta decisión continúe adiante, o Concello aposta pola cancelación das súas contas nesta entidade. Precisamente, un dos temas a tratar na reunión do venres será animar ao tecido asociativo a que tamén se sume a esta medida.


Por outra banda, os dirixentes municipais manterán a vindeira semana unha reunión cos responsables territoriais de Abanca para solicitarlles que manteñan operativas as sucursais das que dispón Poio na actualidade, ademais de trasladarlles a necesidade de dotar a Raxó dun caixeiro automático, un servizo do que a veciñanza carece desde o peche da oficina hai máis dun lustro. Na moción presentada tamén se propón acudir á Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP) para que impulse unha reunión conxunta entre cos concellos afectados pola privación de servizos á cidadanía, así como trasladar á Xunta, ao Parlamento de Galicia e aos responsables de Abanca a firme oposición do Concello ao peche da sucursal de Campelo