fbpx

O Concello de Poio vén de remitir este luns á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda as súas alegacións contra o proxecto do parque eólico do Monte Castrove. Trátase de documentos que foron elaborados de xeito conxunto por todos os grupos da Corporación municipal e que xa recibiron o visto bo na última Comisión de Urbanismo, celebrada a pasada semana. Ademais, a Administración local tamén procedeu ao envío do correspondente informe técnico, así como da declaración institucional aprobada no Pleno ordinario do pasado mes de xullo, a través da cal tanto o grupo de Goberno como a oposición amosan o seu rexeitamento contra esta actuación.

Deste xeito, o Concello reafirma a súa postura contra o proxecto, ao considerar que a instalación e posta en funcionamento do parque eólico suporía  un grave impacto a nivel visual e paisaxístico, nunha contorna en cuxas proximidades existen varias vivendas e núcleos de poboación, que tamén se verían seriamente afectadas. O Goberno municipal resalta, asemade, a “forte oposición que existe contra esta actuación por parte da veciñanza”, como así o demostran as preto de 600 alegacións que a Plataforma Non Ao Parque Eólico do Castrove entregou recentemente na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra. Os dirixentes municipais lembran que as persoas interesadas en alegar contra  informe de avaliación ambiental do proxecto disporán de prazo ata o vindeiro venres 3 de setembro. A documentación ponde consultarse a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Por último, a Concello de Poio tamén anima á cidadanía a tomar parte na andaina reivindicativa, organizada pola Plataforma Veciñal, que terá lugar o vindeiro domingo 29 de agosto, a partires das 11.00 horas, no Monte Castrove. A saída será desde a capela de San Ramón.