fbpx

O Concello de Poio, vén de acadar unha contía importante no que a fondos europeos se refire, obtidos a través do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Goberno estatal, que se investirán na rehabilitación integral da rúa Ramón Encinas, nas proximidades do peirao de Raxó. A contía total desta axuda, que foi xestionada a través do departamento de Promoción Económica, ascende a un total de 563.088,15 euros. O responsable desta área, o concelleiro do PSdeG-PSOE Gregorio Agís, explica que o Concello asumirá o 20% do orzamento. O orzamento total a destinar á obra supera os 800.000 euros.

O edil socialista, que visitou a zona acompañado da tenente de alcalde, Chelo Besada, amósase satisfeito pola aprobación por parte do IDAE da solicitude tramitada pola Administración local, toda vez que “estes fondos permitirannos desenvolver unha obra moi ambiciosa nun espazo estratéxico, como é a zona portuaria de Raxó, que precisa dunha importante renovación”. Neste sentido, Agís explica que o Concello de Poio “está a facer os deberes no que ás súas competencias se refire”, xa que esta rúa é de titularidade municipal. Sen embargo, o edil de Promoción Económica lembra que aínda está pendente, por parte de Portos de Galicia, desenvolver melloras no tramo de titularidade autonómica, que vai desde o espigón ata a PO-308. “Seguimos agardando a que Portos cumpra co compromiso adquirido hai xa varios meses de iniciar estas melloras, que son absolutamente indispensables para a parroquia e unha demanda histórica veciñal. A pesar de formar parte dun convenio asinado entre a Xunta e o Concello en 2009, a Administración autonómica segue sen facer realidade”.

Con respecto ao proxecto de mellora de Ramón Encinas, o concelleiro de Promoción Económica explicou que o que se busca é facilitar o tránsito a pé ou en bicicleta, reducindo a circulación de vehículos, o que redunda “nunha maior seguridade viaria, unha aposta polas mobilidades alternativas e, ao mesmo tempo, unha importante redución da pegada de carbono”. A obra incluiría a dotación dunha plataforma única nunha lonxitude de preto de 300 metros, ademais da creación de dúas zonas exclusivas para peóns, unha na parte máis próxima á praia e outra ás vivendas e locais existentes na zona, o que redundará “nunha mellora da accesibilidade”, segundo sinala Gregorio Agís. Ademais, o proxecto tamén inclúe a renovación do alumeado e a dotación de servizos como unha rede de pluviais.

Unha vez aprobados os fondos por parte do IDAE, o Concello disporá agora de 6 meses para iniciar os trámites de contratación da actuación, que deberá estar adxudicada no prazo máximo dun ano. A renovación de Ramón Encinas será unha realidade en xullo de 2023, tal e como establecen os prazos marcados pola institución europea. Por último, o edil do PSdeG-PSOE sinala que a obtención desta axuda “foi posible grazas aos 196.000 euros que reservamos do Remanente de Tesourería para a tramitación deste tipo de fondos”. Esta medida forma parte do Plan Activa 21, impulsado polo Goberno local para reactivar a economía local en resposta da crise derivada da pandemia da COVID-19.