fbpx

O estanque do Parque de Costa Xiráldez, en Lourido (San Salvador), conta desde este mércores 28 de xullo con novos ‘inquilinos’. O concelleiro de Medio Ambiente, o nacionalista Xosé Luís Martínez, supervisou a solta de dez patos que se suman aos xa existentes neste espazo. Trátase de cinco femias e cinco machos, tal e como explicou o edil do Goberno local, que lembra que estes animais “forman xa parte deste enclave privilexiado”.

Martínez Blanco lembrou que hai xa máis dunha década desde a recuperación da contorna de Costa Xiráldez, que incluíu no seu día a dotación dun estanque e a solta de patos. Tres días á semana os operarios municipais encárganse de alimentar a estas especies, que tamén adoitan a recibir as atencións e o agarimo tanto da veciñanza de Lourido como das persoas que gozan do seu tempo de lecer nesta área. “A xente respecta moito aos patos, que están xa moi afeitos á presenza humana. É de agradecer este respecto e o interese á hora de axudar a consolidar a adaptación destes animais a este espazo, converténdose xa nun reclamo máis de Costa Xiráldez”, asegura o concelleiro de Medio Ambiente. Ademais, nos últimos días tamén se está a proceder á limpeza da maleza existente nas proximidades do estanque, para outorgar un maior espazo aos patos, que contan tamén con casetas flotantes, nas que aniñan e se resgardan cando as condicións meteorolóxicas son adversas.

Xosé Luís Martínez explicou que a día de hoxe o estanque conta cun total de 19 patos.