fbpx

O pasado 16 de xullo a “Mesa pola defensa dos dereitos sanitarios do Concello de Poio” acordou instar ao SERGAS a implantar as medidas necesarias para dotar de persoal especializado e mellorar a atención primaria nos Centros de Saúde do Concello de Poio.

Na sesión, na que estiveron presentes os voceiros do BNG (Marga Caldas), PSOE (Chelo Besada), Avante Poio (Silvia Díaz) e PP (Ángel Moldes), xunto ao Concelleiro de Sanidade, Xosé Lois Martínez, deuse traslado da información facilitada pola Xerencia Provincial do Sergas.  Na Mesa tratouse sobre a grave situación que sofre a sanidade do noso municipio, que ademais, nesta tempada estival se ve agudizada pola ausencia de cobertura de baixas e vacacións dos facultativos, nunhas xa de por si masificadas consultas con cupos desbordados,  nas que a veciñanza chega a asumir listas de agarda de máis de 30 días para unha primeira cita telefónica.

Xa informados pola Xerencia Provincial do Sergas,  a mesa acordou a adopción das medidas concretas para resolver unha situación crítica agravada pola situación actual da pandemia, e que consisten na reposición do persoal médico (familia e pediatría) e enfermería nos centros de saúde de Poio para paliar as incapacidades temporais, traslados e xubilacións, manter aberto o servizo de tarde no Centro de Saúde de Anafáns en agosto, manter o mesmo número de pediatras na tempada estival, e dotar de máis efectivos de persoal de servizos xerais para paliar a situación actual de colapso no servizo de atención telefónica. Esta batería de medidas será ratificada en Pleno e posteriormente remitidas ao Conselleiro de Sanidade.