fbpx

As concelleiras de Educación e Deportes do Concello de Poio, Raquel Rodríguez e Marga Caldas, visitaron as diferentes instalacións das ludotecas durante a xornada deste xoves, interesándose por como se están a desenvolver as actividades tanto nos CEIP Isidora Riestra e Espedregada, coma no pavillón da Seca.

O Concello ofertou ata catro quendas de Campa Verán e Raxó Verán, entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, que se puideron solicitar por quincenas. Este servizo está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os tres e os doce anos, pertencentes a familias de Poio ou cuxos pais/nais traballen no municipio.

A través destas ludotecas, o Goberno local reforza a súa aposta á hora de facilitar fórmulas para poder conciliar a vida laboral e familiar durante os meses de verán. Segundo destaca Marga Caldas, este ano o Concello colaborou co Campus Deportivo que concentra, na súa maioría, a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos. As actividades que desenvolve están dirixidas á práctica deportiva ao aire libre para unha franxa de idade que, ata o momento, non dispoñía deste tipo de alternativas no verán.

Dende o Concello resaltan a necesidade de poder conciliar, algo xa de por si moi necesario na época estival e que se viu acentuado pola crise sanitaria da Covid-19. As concelleiras coinciden en salientar que hai que impulsar e garantir mecanismos que faciliten a recuperación da economía familiar no municipio, logo da dos últimos meses por mor do confinamento. As ludotecas cumpren de xeito escrupuloso con todas as medidas hixiénicas, de distanciamento e sanitarias que marcan as autoridades competentes.