fbpx

A Concellería de Mocidade informa de que xa está aberto o prazo para poder inscribirse no obradoiro ‘A arte de contar historias: recursos para a animación á lectura’, que ten coma obxectivo achegar pautas e ferramentas a docentes, monitores e monitoras e amantes da lectura en xeral, á hora de mellorar as súas capacidades narrativas, axudando, deste xeito, a fomentar hábitos de lectura.

A responsable deste departamento, a socialista Rosa Fernández, explica que esta actividade, coa que se inaugurará o programa de verán deseñado por esta Concellería, está aberta a persoas maiores de 18 anos. As inscricións poden realizarse de xeito presencial nas dependencias da Casa Rosada, ou ben chamando por teléfono ao 986872401. Tamén é posible darse de alta enviando un correo electrónico á dirección Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. O prezo será de 20 euros.

As clases serán impartidas pola técnica Mar García, da empresa Risotadas. O curso terá unha duración total de 24 horas, tendo lugar os días 5, 6, 7, 8, 12 e 13 de xullo, entre as 10.00 e as 14.00 horas. En función da situación sanitaria, as sesións desenvolveranse ou ben na biblioteca situada na Finca de Besada ou na propia Casa Rosada. Rosa Fernández sinala que o obradoiro levarase a cabo cumprindo con todas as medidas marcadas polas autoridades na loita contra a COVID-19.

Ao longo dos meses de xullo e agosto, a Concellería de Mocidade oferta diferentes iniciativas de formación e lecer, pensadas para xente de diferentes idades, entre as que figuran obradoiros de cociña, clases para uso de novas tecnoloxías ou a participación, para crianzas nadas entre o 2005 e o 2008, no campamento Fervenzaventura de Silleda, entre outras opcións. Na oferta tamén se engade un curso de reciclaxe e transformación de costura, para aproveitar e darlle unha segunda vida a prendas en desuso. A cota destas clases, que se impartirán luns e mércores entre as 11.30 e as 13.30 horas, é de 20 euros mensuais.