fbpx

O Concello de Poio vén de impulsar unha actuación para mellorar varias luminarias situadas en pleno casco urbano da parroquia de San Salvador. En concreto, trátase de preto de media ducia de puntos de luz situados entre os números 34 e 48 da avenida de Andurique. Tal e como explica a tenente de alcalde e responsable da Concellería de Obras e Servizos, Chelo Besada, estes labores leváronse a cabo nos últimos días para garantir a seguridade dos peóns e viandantes que habitualmente transitan por esta zona, xa que estas luminarias se atopaban nun importante estado de deterioro, polo que existía o risco de que caesen.

Deste xeito, os operarios procederon a substituír as columnas, que xa acumulaban un importante desgaste, aproveitando os puntos del uz e o cableado. A concelleira do PSdeG-PSOE lembra que, se ben esta rúa forma parte da PO-308, cuxa titular é a Xunta de Galicia, “ao tratarse dun tramo urbano, e en vista do estado que presentaban estas farolas, optamos por actuar rapidamente”. En todo caso, a propia Besada lembra que o Concello desenvolve este tipo de actuacións de mantemento de xeito habitual, á espera de que se poida sacar cara adiante o ansiado convenio coa Administración autonómica para efectuar unha remodelación integral do gramo da estrada autonómica ao seu paso polo núcleo de San Salvador. Sería unha obra que afectaría non só á avenida de Andurique, senón tamén a A Barca e A Porteliña e axudaría a dotar á vía de novos espazos para mellorar a seguridade viaria e renovar servizos, entre outras melloras. Cómpre lembrar que o Concello de Poio ten previsto destinar 300.000 euros para facer realidade este convenio.

Por outra banda, Besada informa de que tamén deron comezo unha serie de traballos de mellora que se están a efectuar noutro emprazamento da PO-308. Neste caso, trátase da Avenida da Cruz, no casco urbano da parroquia de Combarro,  a carón da Baixada á Chousa, onde se está procedendo a renovar parte das beirarrúas, en ambas marxes, que están moi deterioradas, debido á constante entrada de saída de vehículos para acceder a vivendas e realizar tarefas de carga e descarga.

Servizos Medioambientales del Miño Sociedad Limitada é a encargada de execuar o  proxecto, que inclúe a substitución esas zonas da baldosa actual, que se atopa moi gastada, por unha superficie de formigón e bordillo de adoquín. Chelo Besada confía en que estes traballos estean finalizados antes do mes de xullo, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan. O orzamento ascende a uns 32.000 euros aproximadamente.