fbpx



A Concellería de Igualdade, a través do Centro de Información á Muller (CIM), está a traballar na elaboración do IV Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres do Concello de Poio. Tal e como explica a responsable desta área, Silvia Díaz (Avante), un dos pasos previos para impulsar este novo documento é proceder á avaliación do III Plan, que de desenvolveu entre o ano 2018 e 2020. Para iso, o departamento acaba de poñer en marcha unha enquisa, vía on line, que estará a disposición de toda a cidadanía ata o vindeiro martes 15 de xuño.

Trátase dun cuestionario, con 18 preguntas, a través das cales os usuarios e usuarios poderán achegar a súa valoración sobre a efectividade do devandito plan, así como sinalar as necesidades inmediatas en cuestións como a conciliación laboral e familiar ou a igualdade de xénero e achegar as súas propostas para continuar avanzando neste eido.

Díaz Iglesias fai fincapé na necesidade de implicar á veciñanza no proceso, xa que “dado o seu carácter participativo, para nós resulta imprescindible coñecer as achegas, suxestións, propostas e opinións das persoas implicadas”. A concelleira de Igualdade ten claro que a implicación da cidadanía “facilitará a elaboración dun documento real, que servirá de base para continuar traballando na transformación da sociedade para garantir a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas, optimizando os recursos existentes”.

Deste xeito, a enquisa virtual, á que se pode acceder a través da ligazón publicada nos perfís oficiais do Concello de Poio, é o punto de partida necesario para elaborar o IV Plan de Igualdade. Para fomentar a participación, a Concellería de Igualdade realizará un sorteo entre as persoas que cubran o cuestionario virtual. Repartiranse dez lotes compostos por mochilas, máscaras, camisetas e un libro. O nome dos e das gañadoras darase a coñecer o vindeiro 16 de xuño, unha vez finalizado o prazo para responder as preguntas. Na elaboración desta enquisa participa tamén a asesoría técnica Senes Cit SL.