fbpx

O Concello de Poio vén de recibir unha subvención de 4.000 euros por parte do Ministerio de Educación e Formación Profesional, que se investirán na creación dunha Aula Mentor á maior brevidade posible. Esta achega faise realidade grazas a un convenio de colaboración asinado entre a Administración municipal e o organismo estatal, cunha duración de catro anos, coa opción de prorrogarse polo mesmo período. Poio é, xunto con Ponte Caldelas e Catoira, o único concello da provincia de Pontevedra que recibe este ano esta subvención.

O proxecto para dar vida a esta ferramenta, pensada  para impulsar a formación, en diferentes ámbitos, entre persoas maiores de 18 anos, a través de iniciativas e sesións que se realizan de forma telemática e non presencial, está impulsado polos departamentos de Educación, dirixido pola nacionalista Raquel Rodríguez, e Promoción Económica, xestionado polo socialista Gregorio Agís. Os dous integrantes do equipo de Goberno coinciden á hora de resaltar a importancia de poder contar cunha Aula Mentor, xa que “permitirá ampliar a oferta da Formación Profesional, flexibilizando a accesibilidade para toda a poboación, en calquera momento”. O feito de achegar este servizo á cidadanía “é moi importante”, posto que “aforrará, en moitos casos, desprazamentos ás persoas interesadas en recibir formación”. Ademais, Rodríguez e Agís lembran que as ferramentas telemáticas acadaron un gran protagonismo durante a pandemia da COVID-19. “Maila a positiva evolución da situación sanitaria, cómpre consolidar alternativas aos sistemas presenciais habituais”, sosteñen.

En principio, a intención das concellerías de Educación e de Promoción Económica é que a Aula Mentor se desenvolva desde o Centro de Formación da Reiboa, que vén de experimentar unha importante reforma hai uns meses, polo que conta “cos espazos e recursos precisos para acoller unha iniciativa deste calado”. A subvención outorgada polo Ministerio de Educación servirá para facer fronte a custos vencellados coa adquisición de material, difusión e mantemento de equipos informáticos.

Raquel Rodríguez e Gregorio Agís sinalan que as formacións a desenvolver centraríanse fundamentalmente en tres tipos de público obxectivo: persoas ás que é preciso axudar a reducir a fenda dixital e que non dispoñen por si mesmas dos medios e recursos para realizar cursos telemáticos, mulleres do rural e colectivos vulnerables ou en risco de exclusión social. A través da Aula Mentor se poderá ofrecer ata 20 tipos diferentes de cursos de formación. Así, por exemplo, para persoas pertencentes a colectivos vulnerables proxéctanse sesións para asesoramento de compraventa no pequeno comercio, técnicas de atención ao cliente ou xestión empresarial, así como cursos de agricultura ecolóxica, ‘coaching’ e emprendemento dixital.

Para mulleres rurais, entre a oferta hai obradoiros específicos de detección e prevención de violencia de xénero e programas de atención a persoas en situación de emerxencia. Por último, tamén se pretende dar acceso a cursos sobre sistemas de xestión e contidos web, aplicación de ofimática ou creación de compoñentes visuais. Tamén haberá oferta de cursos pensados para persoas sen coñecementos previos de informática, como de iniciación a Internet ou de manexo de procesadores de texto como o Word.