fbpx



O Monte Castrove, un dos espazos de referencia do municipio, acollerá o vindeiro domingo, día 13 de xuño, a sexta edición da  Mini BTT Concello de Poio, impulsada polo Poio Bike Club, en colaboración co propio Concello. A concelleira de Deportes, Marga Caldas, e o presidente da entidade, Francisco Albar, deron a coñecer na mañá deste mércores os detalles dunha proba que contará cun gran número de participantes e que se desenvolverá cumprindo cos protocolos de seguridade pertinentes contra a COVID-19.

A competición dará comezo ás 10.00 horas e reunirá a nenos e nenas practicantes desta modalidade deportiva de toda Galicia. “Mesmo agardamos tamén a participación de clubs de Portugal”, sinalou Caldas Moreira. Esta competición corresponde á quinta proba da Federación Galega de Ciclismo e contempla cinco categorías diferentes (masculina e feminina), en función das idades dos e das participantes: promesas, principiantes, benxamíns, alevíns e infantís. En total, participarán 450 ciclistas, cubríndose todas as prazas.

Tanto Marga Caldas como Francisco Albar expresaron a súa satisfacción polo feito de que  Poio poida ir retomando o pulso competitivo e deportivo, logo do paro forzoso provocado pola pandemia da COVID-19. Neste sentido, a concelleira de Deportes subliñou que “cumprirase de xeito rigoroso con todas as medidas de seguridade que marcan as autoridades sanitarias e o protocolo deseñado pola propia Federación Galega”. Precisamente, debido á aplicación destas medidas a proba deberá desenvolverse sen público. “Somos conscientes de que a MiniBTT, en edicións anteriores, atraía a un gran número de persoas, pero temos que actuar con responsabilidade. A situación segue a mellorar, pero non tomar este tipo de medidas equivalería a dar un paso atrás, algo que de ningún modo nos podemos permitir”, sinala Caldas Moreira, que confía en que o vindeiro ano “os e as participantes poidan competir con público”.

Ademais, os organizadores da proba tamén incidiron na importancia de poder desenvolver unha proba pensada para nenos e nenas de diferentes idades. Neste aspecto, a concelleira nacionalista lembrou que “desde o primeiro momento, en canto foi posible retomar a actividade deportiva unha vez finalizado o confinamento, unha das prioridades do Concello foi manter activo o deporte de base, adaptándonos á evolución da pandemia. O deporte é saúde e é vida, polo que seguiremos apostando por el, coas medidas pertinentes”, garantiu.

Con respecto á importancia da especialidade da BTT en Poio, tanto o presidente do Poio Bike Club como a responsable de Deportes destacaron o interese que suscita esta disciplina entre a rapazada de Poio, a cal forma parte das Escolas Deportivas. Na temporada que está a piques de rematar foron máis de 70 os e as cativas inscritas. A pandemia non afectou negativamente ás inscricións, “senón máis ben ao contrario”, recalca Marga Caldas, que considera que “o feito de ser un deporte que se practica ao aire libre e no que existe distanciamento entre participantes seguramente axudou a consolidalo como unha das disciplinas con máis éxito esta tempada”. Por último, Caldas tamén louvou o traballo realizado polo Poio Bike Club, que “exemplifica á perfección o esforzo do tecido deportivo do municipio neste ano tan difícil”. De cara ao futuro, o Concello márcase como obxectivo a curto prazo habilitar un circuíto BTT, que se emprazaría en Combarro. “Mantemos conversas coa Comunidade de Montes para intentar que o proxecto se poida facer realidade o antes posible”, garantiu a edil de Deportes.