fbpx


A Asociación Boureante, en colaboración co Concello de Poio, renderán unha homenaxe póstuma a Xerardo Moscoso, falecido hai unhas semanas. A través deste acto apóstase por realizar un recoñecemento público a unha figura que foi un referente no mundo do cine e do teatro, así como no movemento antifranquista, e que mantivo un vínculo moi especial co municipio poiense.

A cita terá lugar o sábado 12 de xuño, a partir das 19.00 horas, no Parque da Memoria da Seca (San Xoán). A organización garante que se cumprirán con todas as medidas de aforo, seguridade e hixiene que marcan as autoridades sanitarias. Procederase a habilitar un micrófono aberto para que todas aquelas persoas que así o desexen poidan honrar a memoria de quen fora cofundador de Voces Ceibes. Ademais, tamén está previsto que se proceda á plantación de dúas árbores no seu recordo: un ‘taxus baccata’ (coñecido tradicionalmente como teixo) e un ‘tasodium’ (cedro dos pantanos). Un gaiteiro se encargará de interpretar o himno de Galicia durante a realización desta actividade.

O alcalde, Luciano Sobral, anima a todas aquelas amizades e achegados de Moscoso a tomar parte neste acto, que estará aberto a toda a cidadanía, na que “aqueles que o desexen poderán facer unha intervención lembrando a figura de Xerardo”. Médico de profesión, Xerardo Moscoso chegou a exercer este traballo no municipio de Poio. De orixe mexicano, o fundador de Voces Ceibes sempre mantivo unha gran relación con Galicia. No caso de Poio, cómpre lembrar que a finais de 2018 o Casal de Ferreirós acolleu unhas charlas súas, nas que fixo un amplo repaso a toda a súa traxectoria nos eidos da cultura, o cine e o teatro. Precisamente, a modo de recoñecemento, o Concello apostou no seu momento por darlle o nome de Premio Xerardo Moscoso a un dos galardóns do ciclo teatral Poio Escena. Neste sentido, non hai que esquecer que, precisamente, Moscoso foi o fundador do grupo de teatro La Gaviota en Poio, no que tomaron parte numerosos cativos e cativas no seu momento.

O alcalde agradece á Asociación Boureante a súa implicación, a través da organización deste acto, á hora de “engrandecer e difundir o que representou Xerardo Moscoso para Galicia e para o noso concello, especialmente entre as novas xeracións”.