fbpx

O deporte será o gran protagonista da terceira cita do ciclo de faladoiros virtuais ‘A forza das mulleres’, unha iniciativa organizada pola Concellería de Igualdade e o CIM de Poio. O obxectivo destes encontros telemáticos é dar voz ás mulleres do municipio que desempeñan a súa labor nos diferentes sectores representados no mural que a concellaría de Igualdade presentou na Seca para conmemorar o Día Internacional da Muller, que tivo lugar o pasado 8 de marzo.

As deportistas convidadas a tomar parte nesta conversa, que se levará a cabo vía streaming, son a practicante e adestradora de kick boxing Lucía Soto, a futbolista do Poio Pescamar Julia Paz e Lorena Nieto, xogadora de kayak polo. A cita será este xoves, día 3 de xuño, a partir das 17.00 horas. Como xa é habitual, o faladoiro poderá seguirse a través da canle de YouTube do Concello. Tamén será posible participar no mesmo solicitando previamente o envío da ligazón na dirección de mail Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), será a encargada de presentar o acto, que estará moderado pola directora e a psicóloga do Centro Información á Muller (CIM), Raquel Morales e Lidia Fazanes.

Logo do éxito acadado nos dous primeiros faladoiros, onde as protagonistas foron, respectivamente, emprendedoras do municipio e profesionais sanitarias, agora chega a quenda do deporte, un ámbito no que, tal e como salienta Díaz, “as mulleres tiveron que abrirse camiño e aínda a día de hoxe seguen loitando pola igualdade nas diferentes disciplinas”. Bo exemplo son estas tres convidadas, que, ademais de repasar a súa traxectoria a nivel competitivo, tamén falarán sobre como compaxinan os seus adestramentos e a participación en torneos e competicións coa súa formación ou traballo.

APUNTARME AO FALADOIRO AQUI!


As traxectorias das tres convidadas convértenas en exemplos de superación e de valores como a entrega e a perseverancia. Lucía Soto, de 28 anos, apenas tiña oito cando comezou a practicar kickboxing. “Ela é unha das grandes responsables de que esta modalidade se acabase consolidando no noso municipio, grazas á fundación do Kickboxing Poio no ano 2011, que axudou a normalizar a visión que a xente tiña deste deporte”, explica Silvia Díaz. O club acadou un gran número de éxitos en diferentes torneos tanto en Galicia como no resto de España, ademais de competir en probas de ámbito internacional. Froito do seu crecemento, este ano pasou a converterse no Parabellum Fight Club, engadindo tamén outras modalidades como boxeo ou ‘savate’. Lucía compaxina a xestión do club co seu traballo na Praza de Abastos de Sanxenxo.

Pola súa banda, Lorena Nieto, aos seus 20 anos, é xa un referente do kayak polo, unha especialidade que combina piragüismo co deporte de equipo. Desde 2017, Lorena Nieto forma parte do equipo nacional sub 21. Actualmente, o seu obxectivo é participar no Campionato do Mundo, que terá lugar en Roma. Lorena estuda 3º curso do Grao de Ciencias de Actividade Física e do Deporte na Universidade de Vigo. Por último, Julia Paz forma parte do Poio Pescamar Fútbol Sala, consolidado como parte da elite nacional, como o demostran os recentes subcampionatos na Copa da Raíña e na Supercopa, ademais da súa loita por entrar no play off polo título de liga. Internacional con Arxentina, Julia está estudando para obter a licenza oficial de adestradora, ademais de desenvolver un programa formativo de Escritura Creativa na Casa de Letras de Buenos Aires.