fbpx

Os exteriores da actual Xefatura da Policía Local de Poio convertéronse este luns no escenario dun acto que serviu para conmemorar o medio século de existencia do corpo de seguridade municipal. 50 anos despois de que Julián Sánchez se convertese, en xullo de 1971, no primeiro axente da Policía Local poiense, o Concello rendeu unha homenaxe na que non faltaron os recoñecementos tanto aos actuais integrantes da plantilla, como a históricos xa xubilados.

Tamén foron lembrados, a título póstumo, axentes cuxo labor resultou chave á hora de axudar a medrar un servizo que a día de hoxe está plenamente consolidado, que corrobora o seu compromiso de velar pola seguridade da cidadanía e que aposta por “non deixar de medrar”, tal e como corroboraron tanto os seus responsables como os dirixentes municipais.

Foi a concelleira de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, a encargada de abrir o acto. A edil do Goberno local louvou o traballo feito desde a posta en funcionamento da Policía Local. “Grazas ao esforzo realizado por todas as persoas que formaron parte deste corpo, hoxe podemos dicir que Poio é un lugar seguro, pero non estamos conformes. Apostamos por continuar medrando e acadar obxectivos como poder contar cunha plantilla suficiente para poder ofrecer un servizo 24 horas”, asegurou Caldas Moreira, que tamén fixo fincapé no importante traballo “en primeira liña” que os e as axentes desempeñaron durante os peores momentos da pandemia da COVID-19. Tamén interviu o actual xefe da Policía Local, Antonio Duarte, que non dubidou en agradecer “a gran profesionalidade, empeño e esforzo” que están levando a cabo os actuais compoñentes do corpo de seguridade, algo que axuda a diversificar e consolidar a actividade policial en cuestións vencelladas a eidos como a seguridade viaria, o impulso de iniciativas como Axente Titor ou en materia de seguridade para as vítimas de violencia machista. Pola súa banda, o alcalde, Luciano Sobral, tamén eloxiou o papel que desempeñaron “todas as persoas que foron pasando pola nosa Policía Local”, desde os antigos responsables ata os integrantes actuais. “Os tempos cambian e a nosa policía foi quen de responder a eses cambios e de continuar medrando, dando un pulo importante á súa actividade nos últimos anos”, sinalou. Ademais, os dirixentes tamén quixeron agradecer a colaboración amosada por outros corpos como a Garda Civil, a Policía Nacional ou o Servizo de Gardacostas da Confraría de San Telmo.

Os intres máis emotivos do acto tiveron lugar cando se procedeu á entrega de obsequios tanto aos actuais membros da Policía Local de Poio como a axentes xa xubilados, como é o caso de Victoriano Dasilva e José Antonio Ligero. Ademais, familiares de antigos axentes xa falecidos recolleron, de mans do alcalde, unhas placas conmemorativas, a título póstumo, en recoñecemento ao traballo realizado polos seus achegados, como foi o caso de Julián Sánchez, o primeiro axente que tivo Poio, ou antigos xefes do corpo de seguridade, como Avelino Rodiño e Manuel Villanueva. Os membros da Corporación municipal fixeron entrega, asemade, de obsequios de felicitación aos actuais integrantes da Policía Local, así como a persoas e corpos de seguridade que colaboran activamente con este servizo.