fbpx

A cuarta edición do Proxecto Senda xa está en marcha. O concelleiro de Promoción Económica, o socialista Gregorio Agís, participou hoxe na primeira das xornadas do proceso selectivo, que se desenvolven no Centro de Formación da Reiboa, na parroquia de San Xoán, e que se prolongarán ata este venres. Unha vez rematada esta fase, as sesións comezarán, nas mesmas instalacións, a partires do vindeiro 22 de abril e finalizarán no mes de xullo.

Nesta primeira toma de contacto tomaron parte preto de 40 persoas, que foron as que se inscribiron para tomar parte nesta iniciativa, que mantén os seus obxectivos de fomentar o emprendemento, o impulso de novas marcas e proxectos persoais, o uso de novas tecnoloxías e a formación. Tal e como explicou o concelleiro do Goberno municipal, o proceso selectivo se está levando a cabo en grupos reducidos, para garantir o cumprimento do aforo e de todas as medidas de seguridade que marcan as autoridades sanitarias, por mor da pandemia da COVID-19.

Na súa intervención, Agís amosouse convencido de que o Proxecto Senda resultará unha ferramenta “moi útil” para os e as participantes, a maioría das cales son persoas empadroadas en Poio. “O noso municipio ten unha gran franxa de habitantes mozos e con pretensións de iniciar a súa actividade profesional a través de novos negocios ou proxectos emprendedores. Con iniciativas como esta, o que pretendemos é darlles un pulo para que os seus obxectivos se fagan realidade e se lle poida dar visibilidade á súa valía”, explicou o responsable de Promoción Económica, que lembra que ‘Senda 2021’ inclúe a realización de prácticas prelaborais en empresas.

Ademais, Gregorio Agís tamén animou aos asistentes a realizar as súas “propostas e achegas”, porque “son moitas as ocasións nas que, grazas ás suxestións realizadas pola cidadanía, podemos impulsar novos cursos e actuacións que redunden no seu beneficio”.

‘Senda 2021’ achegará aos asistentes pautas de formación e experiencias para mellorar coñecementos e facilitar o impulso a proxectos vitais, profesionais e novas marcas. Ademais, existe unha aposta consolidade no que se refire á integración social daqueles colectivos que están a atopar máis dificultades no que á inserción laboral se refire, debido  ao impacto da pandemia. Tamén se fará fincapé en cuestións de ámbito medioambiental. De cara a finais de ano, está previsto que Promoción Económica desenvolva unha xornada sobre emprendemento.