fbpx


O Concello de Poio ten previsto executar un ambicioso proxecto para humanizar o Camiño Casal, situado na contorna da Seara, que é un dos principais núcleos da parroquia de San Xoán. Trátase dunha actuación que, tal e como explica a tenente de alcalde e responsable de Obras e Servizos, a socialista Chelo Besada, ten coma obxectivo dar resposta ás necesidades da veciñanza e completar as tarefas de mellora da mobilidade e recuperación da contorna iniciados xa neste lugar e que foron adxudicadas recentemente á empresa Marconsa, logo do cese de actividade de Nexia Infraestructuras.

Este proxecto conta cun orzamento que ascende a 180.888 euros, IVE engadido. Entre os traballos contemplados figuran a mellora do firme, que pasará a ser empedrado, e a adaptación de rasantes. O financiamento para facer realidade estas obras obterase a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2021. Neste sentido, o Goberno local proxecta tres obras a través destes fondos provinciais, cunha contía total que roza os 743.000 euros. Ademais do proxecto correspondente ao Camiño Casal, cómpre lembrar que se pretenden investir outros 170.243 euros na mellora da Primeira Travesía da Seara, ademais de 391.823 euros na humanización da Rúa Lameiriña, na parroquia de Raxó. Neste caso, o proxecto actualizado supón unha importante mellora con respecto ao orixinal (que Nexia tamén deixou sen acometer antes do seu cese de actividade), xa que inclúe que a mellora se estenda ata Caneliñas, coa mellora do firme e de servizos como abastecemento, instalándose, ademais, un total de dez bocas de rego.

No caso do Camiño Casal, Chelo Besada explica que “existen tramos nos que os servizos ou se atopan en mal estado e tamén hai partes nos que é necesario instalalos”. Deste xeito, procederase á dotación de canalizacións de saneamento e pluviais, así como ao soterramento das telecomunicacións. Por último, levarase a cabo a instalación de novas luminarias. En canto á substitución do firme, está previsto que se actúe nunha superficie de 934 metros cadrados. Logo de que a Xunta de Goberno Local aprobase o proxecto e a solicitude de fondos a través do Plan Concellos, a tenente de alcalde de Poio confía en que a tramitación burocrática “sexa o máis áxil posible”, o que facilitaría que os traballos puidesen comezar “no menor tempo posible”.