fbpx

A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), acudiu na mañá deste martes á estrea dos contacontos Xogando Somos Iguais, unha iniciativa que forma parte da programación deseñada por este departamento co gallo da celebración do Día Internacional da Muller (8 de Marzo) e que está dirixida a alumnas e alumnos de Educación Primaria. Estas sesións, que son impartidas por Polo Correo do Vento, teñen coma obxectivo “fomentar entre as nosas crianzas pensamentos críticos e intelixentes á hora de elixir os seus xoguetes”, tal e como explica a propia edil do Goberno local.

Estes contacontos desenvólvense cumprindo con todas as medidas sanitarias requiridas por mor da pandemia da COVID-19. Os colexios de Lourido e Viñas (ambos na parroquia de San Salvador) foron os encargados de acoller as sesións iniciais, que se estenderán durante o mércores e o xoves aos CEIPS de Chancelas (Combarro) e Isidora Riestra (San Xoán). Silvia Díaz destaca a importancia de “traballar desde a base coas nosas cativas e cativos” hábitos que axuden a fomentar a igualdade e a evitar comportamentos machistas no futuro, de aí a importancia de implicar ao tecido educativo na programación do 8M. “Con estes contacontos búscase facer reflexionar sobre os roles de xénero, e desmontar prexuízos que se atribúen a elementos coma por exemplo os xoguetes. O sexismo non está no propio elemento, senón nos modelos de comportamento e nas mensaxes que se transmiten con el”, indica a concelleira de Avante Poio. Proximamente tamén se desenvolverán obradoiros sobre igualdade e novas masculinidades no IES.

Por outra banda, cómpre lembrar que nas vindeiras semanas tamén se retomarán os faladoiros on line A Forza das Mulleres, unha das actividades estrela do programa do Día da Muller. Logo do éxito acadado pola primeira cita virtual, na que tomaron parte tres veciñas emprendedoras de Poio, o vindeiro 21 de abril será a quenda de mulleres vencelladas ao eido sanitario, un sector que adquiriu unha relevancia aínda máis marcada desde o comezo da pandemia.  Esta iniciativa non presencial, sumada ao deseño do mural elaborado pola ilustradora Tania Solla (en colaboración con Polo Correo do Vento) no muro do campo de fútbol da Seca, son dúas das actividades centrais dunha programación que se viu na obriga de prescindir dos actos e eventos habituais, debido á situación sanitaria.

Incorporación de persoal en prácticas para o CIM

Por outra banda, este martes incorporouse ao Centro de Información á Muller unha persoa en prácticas. Trátase dunha estudante do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de Técnico Superior en Promoción de Igualdade de Xénero. Este reforzo realízase ao abeiro do convenio específico para o desenvolvemento da formación en centros de traballo, asinado entre o Concello de Poio e o CIFP A Xunqueira de Pontevedra.

Esta persoa permanecerá realizando labores no CIM ata mediados do vindeiro mes de xuño, tal e como informou a concelleira de Igualdade.