fbpx

O Concello de Poio reforza o seu persoal municipal, grazas á liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Nos últimos días comenzaron a incorporarse parte dos reforzos cos que a Administración local contará, de xeito temporal, nos vindeiros meses. Cómpre lembrar que, en total, serán 28 as persoas que traballarán en diferentes departamentos, ao abeiro do citado plan. O titular de Persoal, o nacionalista Xosé Luís Martínez, lembra que o investimento solicitado nesta nova convocatoria para poder fronte a esta actuación rolda os 235.000 euros aproximadamente.

A primeira incorporación realizada a través desta liña foi a da técnica de Turismo que, xa durante a Semana Santa, pasou a reforzar este departamento, desenvolvendo tarefas de información e asesoramento na oficina de Combarro. Ademais, desde o pasado 1 de abril xa contan con contrato en vigor os e as conserxes de diferentes instalacións de titularidade municipal (catro persoas en total), ao que hai que sumar unha auxiliar clínica para Servizos Sociais. No caso dos conserxes, a duración dos contratos será ata o 30 de novembro, excepto o correspondente á persoa que desenvolva esta tarefa na Casa Consistorial, que permanecerá contratada ata finais de ano. Cómpre recordar que, grazas a estas contratacións, pasarán a contar con este servizo outros equipamentos como a Casa Museo de Colón, en Portosanto, ou o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó.

Xosé Luís Martínez informa, ademais, de que será a partir do vindeiro 15 de abril cando se produza a incorporación da meirande parte das contratacións tramitadas a través do Plan Concellos. En concreto, nesa data iniciarán os seus labores os 11 operarios que reforzarán o departamento de Obras e Servizos Municipais.  Entre as tarefas a desenvolver, figuran a rehabilitación das rutas de sendeirismo e paseos que existen na vila ou limpeza e desbroce de camiños e pistas, así como o mantemento de praias. Todos eles contarán cun contrato dunha duración de oito meses.

De aquí ao verán, iranse incorporando tamén novos reforzos para departamentos como Servizos Sociais ou Turismo. O máximo responsable da área de Persoal lembra que a través do Plan Concellos “existe a posibilidade de incorporar ao mundo laboral persoas que se atopan en situación de desemprego” e apunta que “facemos o reparto destas contratacións en función das necesidades de persoal suplementario que precisa cada departamento, de xeito que se poida garantir a conservación do servizos por parte da Administración municipal cara a cidadanía”.