fbpx

O municipio de Poio aspira a contar nun futuro próximo cun espazo de emprendemento, que se chamará Poio Crea e que estará emprazada no Centro de Formación da Reiboa, na parroquia de San Xoán. A Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, dirixida por Gregorio Agís (PSdeG-PSOE) xa está a traballar na elaboración deste proxecto. Para a súa posta en marcha destinaranse fondos propios. En concreto, estes cartos forman parte do Remanente de Tesourería correspondente á liquidación orzamentaria de 2020 e cuxo reparto foi aprobado no último Pleno ordinario de marzo. “Contamos un orzamento inicial para levar a cabo esta actuación que ascende a 100.000 euros. Consideramos que un espazo destas características é prioritario para axudar aos novos emprendedores que temos nosa vila e que precisan dun servizo coma este”, apunta o concelleiro socialista.

Actualmente os técnicos municipais están a traballar na elaboración do proxecto, que contempla o acondicionamento dunha zona do Centro de Formación, que contaría cun espazo específico para traballo e outra área na que se facilitaría o desenvolvemento de accións formativas, así como iniciativas “que desexamos poñer en marcha en colaboración co tecido empresarial co que contamos en Poio”, engade Agís. O responsable de Promoción Económica e Urbanismo confía en que Poio Crea sexa unha realidade canto antes. “O Concello é consciente da necesidade de poñer a disposición dos empresarios e empresarias locais e das persoas que apostan por poñer en marcha un negocio instalacións deste tipo, que supoñen unha axuda engadida nun contexto que, por mor da crise derivada da COVID-19, dificulta moito o emprendemento”, explica o edil do Goberno municipal, que considera que as dependencias da Reiboa son “o lugar ideal” para acoller este proxecto inédito en Poio, tanto polo seu emprazamento como polas súas características.

Neste sentido, non hai que esquecer que este inmoble vén de experimentar unha importante reforma, grazas a unha actuación acometida desde a Concellería de Promoción Económica, e que serviu para dotar á infraestrutura dun ascensor (para o cal se contou cunha achega da Xunta de Galicia) e dunha nova aula de informática. Ademais, procedeuse á instalación de luminarias eficientes e á reforma dos aseos, adaptándose á normativa vixente. No exterior, os operarios municipais pintaron e arranxaron a fachada e dotaron á contorna dunha nova rede de pluviais e dunha superficie de pavimento completamente renovada.

Gregorio Agís lembra que o Centro de Formación da Reiboa xa acolle na actualidade o Programa Integrado de Emprego (PIE) e diferentes cursos e obradoiros formativos. Aquí será tamén onde se desenvolva o proxecto Senda 2021, que dará comezo o vindeiro mes de abril e cuxo prazo de inscrición aínda está aberto. “Poio é un municipio dinámico, no que, a pesares das dificultades, cada vez xorde máis xente con espírito emprendedor. A todas e todos eles confiamos en poder ofrecerlles este espazo canto antes”, finaliza o edil do PSOE.