fbpx

A Concellería de Benestar Social e Mocidade, dirixida pola socialista Rosa Fernández, pon en marcha o programa ‘Cóidate sempre’, a través do cal as persoas maiores de Poio teñen a posibilidade de retomar as actividades de exercicio físico que tiveron que ser suspendidas hai xa máis dun ano, por mor da pandemia da COVID-19. Agora, o departamento da Casa Rosada retoma esta iniciativa, respectando en todo momento as medidas hixiénicas e de distanciamento que marcan as autoridades sanitarias.

De tal forma, segundo sinala Fernández González, as sesións serán todas ao aire libre, sempre e cando as condicións meteorolóxicas permitan o seu desenvolvemento. As veciñas e veciños participantes deberán utilizar máscara e gardar unha distancia interpersoal. A actividade estará impartida pola monitoria Marta S. Rancaño. A primeira destas citas terá lugar o vindeiro mércores, 7 de abril, nos exteriores da propia Casa Rosada, mentres que a segunda será o venres 9 no recinto de festas da Seca (San Xoán). Ambas sesións comezarán ás 11.00 horas. O programa, que será totalmente gratuíto, ten coma obxectivo “ofrecer aos nosos maiores pautas que lles sirvan non só par a manterse en bo estado físico, senón tamén anímico, algo que entendemos que é necesario despois de tantos meses ficando na casa”, explica a concelleira de Benestar Social, que tamén fai fincapé na necesidade de que “todos e todas as participantes poidan gozar reencontrándose coas súas amizades, mantendo, iso si, todas as medidas contra a COVID-19”.

Cómpre lembrar que desde hai unhas semanas tamén se retomaron as clases presenciais do programa Saudemente, nos diferentes locais municipais nos que se desenvolvían habitualmente. Trátanse de grupos reducidos e limitados ao aforo correspondente. Durante o confinamento, a Concellería de Benestar Social entregou a domicilio, coa inestimable colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, fichas con exercicios para que as persoas maiores puidesen continuar exercitando a memoria e realizando exercicio físico nos seus domicilios. “Sempre estivemos pendentes dos e das nosas maiores e así o continuaremos a facer, máis aínda nestes tempos nos que se converteron nun dos colectivos máis vulnerables por mor da pandemia”, finaliza Rosa Fernández. As persoas interesadas en obter máis información sobre esta iniciativa poden poñerse en contacto co departamento chamando ao 986872401.