fbpx

O Concello de Poio sacará a licitación o proxecto de recuperación da contorna de Lameiriña e Caneliñas, na parroquia de Raxó, cun orzamento que roldará os 400.000 euros. Así o confirmou este mércores a titular de Obras e Servizos e tenente de alcalde, Chelo Besada (PSOE), logo de que o documento pasase pola Comisión de Urbanismo. En concreto, está previsto destinar a estes traballos un total de 391.823 euros, IVE engadido.

A edil socialista lembrou que, inicialmente, o Goberno local redactara un proxecto de mellora para a Rúa Lameiriña, que debía executar a anterior adxudicataria, Nexia Infraestruturas. Logo do cese repentino da actividade desta empresa, o Concello aproveitou a necesidade de ter que volver a reiniciar o proceso de licitación para mellorar e ampliar o proxecto. Agora, a obra será financiada a través do Plan Concellos 2021, impulsado pola Deputación de Pontevedra.

Agora, a actuación estenderase ao longo de máis de 600 metros e afectará a Rúa Lameiriña, Praza Lameiriña, Rúa Caneliñas e a un ramal que enlaza a contorna coa Avenida da Toxa, na PO-308. As obras consistirán na humanización desta zona, que pasará a contar cunha nova superficie de empedrado. O proxecto contempla tamén melloras no abastecemento e a instalación de dez bocas de rego. En principio, calcúlase que o prazo de execución será de sete meses. Chelo Besada confía en que o proceso de licitación finalice o antes posible, o que permitiría que a obra estivese lista antes de que remate o presente ano.

No caso da Rúa Lameiriña, o Concello entende que a  dotación dunha superficie de empedrado para dar solución definitiva aos problemas provocados polo deterioro do pavimento, que xa foi escenario de varias reparacións e tarefas de bacheado por parte dos operarios municipais. O proxecto garante que a actuación será totalmente respectuosa na contorna, que se atopa nun núcleo onde existen varias vivendas e muros de mampostería de pedra. Ademais, a tenente de alcalde sinala que “os traballos tamén servirán para mellorar a accesibilidade e reforzar a seguridade viaria, cunha plataforma única”. A responsable de Obras e Servizos lembra que esta rehabilitación dá resposta ás demandas veciñais, que o Goberno local tivo en conta tanto á hora de impulsar o proxecto inicial como nesta ambiciosa modificación.