fbpx

O equipo de Goberno convoca unha reunión, que se levará a cabo vía telemática, cos sectores máis afectados polos peches e limitacións de actividade, derivados das medidas restritivas aplicadas pola Xunta de Galicia para tratar de frear o impacto da pandemia da COVID-19. Os dirixentes municipais adiantan que esta cita se levará a cabo o vindeiro xoves, 11 de marzo, a partires das 19.00 horas.

Entre os temas a tratar tamén figuran a valoración de axudas directas e programas de apoio que se realizarán por parte do Concello e da Deputación, así como unha proposta de reparto dos fondos que a institución provincial outorga aos concellos para tratar de paliar o impacto negativo da crise sanitaria.

Está previsto que nesta reunión telemática participen, ademais de integrantes do Goberno municipal, representantes da Asociación Hoempo e de Hoteleiros de Poio. En todo caso, o Concello invita a todos e todas aquelas profesionais de sectores que sufriron un cese de actividade a tomar parte neste encontro. As persoas interesadas en facelo pódense poñer en contacto coa Administración local enviando un correo á dirección Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., a través do cal deberán achegar unha dirección de mail á que poderlle enviar a ligazón para acceder a reunión.

O Goberno local lembra que desde o inicio da pandemia, ademais de manter un contacto permanente cos sectores afectados para coñecer as súas necesidades e, nos casos que así se requiriron, dar traslado das mesmas ás administracións competentes, tamén impulsou no último ano diferentes accións e iniciativas para tratar de paliar os efectos provocados pola crise da COVID-19. A conxelación de taxas de terrazas, bonificacións do 100% do recibo do lixo para establecementos pechados durante o confinamento ou locais de hostalería que se viron na obriga de pechar polas medidas restritivas foron algunhas destas medidas implantadas polo Concello de Poio.