fbpx

A Concellería de Memoria Histórica está a piques de culminar o proceso para acometer o cambio de denominación da avenida Francisco Regalado, en Combarro. Precisamente, a responsable deste departamento, a nacionalista Marga Caldas, vén de manter nas últimas semanas novos contactos con representantes de diferentes colectivos sociais e veciñais desta parroquia. “A proposta que imos presentar no vindeiro Pleno ordinario (que terá lugar o día 23 de febreiro) ten en conta as achegas realizadas polo tecido asociativo de Combarro. Agradecemos moito a estas entidades a súa implicación neste proceso”, asegura Caldas.

Deste xeito, e como xa se adiantara hai uns meses, a avenida pasará a contar con dúas nomenclaturas. A primeira delas abarca o tramo desde a PO-308 ata a Praza da Chousa e chamarase Rúa Baixada á Chousa. Esta denominación busca “recuperar a microtoponimia tradicional, un proceso que no seu día foi moi habitual, pero que se foi perdendo de xeito paulatino co desenvolvemento urbanístico”, explica a concelleira de Memoria Histórica. Pola súa banda, o tramo comprendido entre a propia Praza da Chousa e a subida cara a PO-308, a carón da praia da Canteira, pasará a ser bautizado como Paseo das Redeiras. “Como é sabido, esta profesión, desenvolta nun 84% por mulleres en toda Galicia, está a experimentar un envellecemento importante, por mor da falta de remuda xeracional. Este feito, sumado a que foron pioneiras no noso país na incorporación da muller ao mercado laboral, fai que apostemos por esta proposta, para darlle visibilidade a un traballo que, en moitos casos, resulta descoñecido e mesmo pouco valorado por parte da sociedade”, argumenta Marga Caldas.

Unha vez se consiga a aprobación inicial no Pleno, comezará a tramitación administrativa pertinente. Co cambio de nome de Francisco Regalado, o Concello impulsa o proceso de muda de denominación de rúas e espazos públicos que contan con nomes vencellados ao réxime franquista. “Apostamos por esta actuación por unha cuestión de hixiene democrática, cunha tramitación a través das competencias municipais que garante unha maior axilización”, defende Caldas Moreira, que entende que este proceso debe aproveitarse tamén para fomentar o emprego da toponimia tradicional galega e impulsar a ‘feminización’ dos nomes do rueiro e dos espazos públicos municipais, toda vez que na súa inmensa maioría corresponden a referencias masculinas. Precisamente, cuestións deste tipo xa se recollen na nova Ordenanza para o Impulso da Lingua Galega no Concello de Poio, aprobada no Pleno de novembro de 2020, que serve para actualizar o regulamento anterior, que data de 1993.