fbpx



Manter viva a tradición dunha das citas máis emblemáticas do Entroido de Poio e dar un pulo a algúns dos sectores máis afectados pola crise provocada pola COVID-19 son algúns dos obxectivos do Concurso Virtual de Choqueiros e Viúv@s, organizado pola Asociación Cultural Ronsel e en cuxa posta a punto colabora o Concello de Poio. A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, acompañada por Elena Barral, representante da agrupación, deron a coñecer hoxe os detalles deste novidoso certame, que se desenvolverá a través das redes sociais, desde o 22 ata o 27 de febreiro, adaptándose á filosofía da programación alternativa do Entroido 2021, que desde hai días anima á veciñanza a participar en actividades interactivas para gozar destes festexos na casa, entre convivintes, e de xeito seguro.

“O Galo Fodorico seguirá sendo protagonista do noso Entroido, aínda que sexa de forma distinta á máis tradicional”, explicou Rodríguez Alonso, que fixo un chamamento á cidadanía para tomar parte no concurso virtual, a través do cal os e as participantes poderán optar a diferentes premios en metálico, para gastar no tecido empresarial local. Nas tres categorías (infantil, individual e familiar) haberá premios para os tres mellores disfraces e deseños, de 50, 30 e 20 euros. No caso do concurso para os cativos e cativas, os gañadores ou gañadoras poderán facer uso dos premios para comprar material nas librarías do municipio de Poio. Polo que respecta á categoría individual, estas contías están pensadas para ser gastadas en establecementos da hostalería. Por último, os tres premios familiares serán para utilizar no comercio local. “Ademais de continuar promovendo o espírito do Entroido, poñendo en valor a figura do choqueiro e do noso Galo Fodorico, tamén ofrecemos á veciñanza a posibilidade de que se impliquen para dar un pulo á dinamización dos nosos negocios, comercios e establecementos hostaleiros”, incidiu a responsable municipal de Cultura. Para tomar parte no concurso, é preciso, ademais de subir as fotos (con carácter público) ás redes sociais, utilizar o hashtag #Fodorico2021, tal e como sinalou Elena Barral, que animou aos veciños e veciñas a “encher as redes de fotos de choqueiros e choqueiras”. Os gañadores daranse a coñecer o día 28. Ademais, nos perfís do Concello e da propia Asociación Ronsel se publicará a tradicional esquela sobre o pasamento do emblemático Galo Fodorico Agusto Bastante.

A concelleira de Cultura quixo agradecer o esforzo e a capacidade de adaptación dos colectivos e agrupacións que habitualmente participan no Entroido de Poio, e dos que Ronsel é o vivo exemplo, “á hora de poder manter vivo o espírito desta festa tan emblemática a pesar do difícil contexto no que nos atopamos. Confiamos en que o vindeiro ano podamos retomar todas as iniciativas e actividades tradicionais e que a veciñanza poida gozar delas como en anos anteriores”, desexou a edil nacionalista, que tamén fixo unha valoración moi positiva desta programación alternativa nas redes sociais. Os diferentes vídeos que se foron publicando nos perfís oficias do Concello, que incluíron tutoriais culinarios protagonizados polo chef Pepe Solla, obradoiros infantís e pezas audiovisuais elaboradas coa colaboración de diferentes asociacións, contaron con milleiros de visualizacións.