fbpx

Dende o 14 de marzo do ano pasado, data da declaración do primeiro dos estados de alarma para a xestión da crise sanitaria provocada polo COVID-19, vimos loitando todos xuntos, para poder frear o avance da enfermidade e seguir convivindo na nova normalidade coa adopción das medidas de prevención e seguridade axeitadas.

Pese a elo é necesario nestes momentos, en función dos datos rexistrados, reforzar o esforzo colectivo, a colaboración e observancia das medidas que dende a Xunta de Galicia e o Concello se están a adoptar para poder superar esta situación crítica.

Con tal motivo o Decreto da Presidencia da Xunta de Galicia de 26 de xaneiro de 2021 e a Orde da Consellería de Sanidade de 26 de xaneiro de 2021, establecen medidas adicionais ás ata agora aplicadas, incluindo as de peche temporal de espectáculos públicos, actividades recreativas, establecementos abertos ao público públicos de ocio e entretemento, restauración, culturais e sociais, deportivas, atraccións, recreativas e otros recollidos no punto 4. do Anexo I da indicada Orde, e limitacións no horario de peche para actividades comerciais.

Así mesmo e coa finalidade de evitar a propagación da enfermidade e mellorar o control de posibles casos activos, o SERGAS programou un cribado xeral da poboación para os videiros días.

Dentro do marco das competencias municipais, por Decreto de 27 de xaneiro de 2020, e a instancia da Comisión de Seguemento COVID-19, durante o periodo temporal de vixencia das medidas de excepción autonómicas, o concello tomou a decisión de pechar instalación e dependencias municpais e limitar os servizos xerais que se prestarán de xeito presencial, cando se careza doutros medios e sexa así imprescindible, previa petición de cita previa, ao rexistro xeral, padrón de habitantes e emerxencia social. Os parques públicos e o cemiterio municipal permancerán abertos se ben reforzando o control de aforo e cumprimento das medidas de prevención polas persoas usuarias.

É por todo elo que esta Alcaldía, ao abeiro da competencia que lle outorga o artigo 21.1º.e) da Lei 7/1985, de 2 de abril, de Bases do réxime local e correlativo da Lei 5/1997, de 22 de xullo de Administración Local de Galicia, dicta o seguinte BANDO para a veciñanza:

Primeiro.- Solicitar a máxima colaboración e participación nas actuacións de cribado xeral poboacional programado polo SERGAS no lugar e A Seca, dende o vindeiro vernes día 29 de xaneiro de 2021, recomendando que a veciñanza permaneza nos seu forares, xa que recibirán indicacións específicas e cita previa persoal para a realización da proba. O concello proporcionará igualmente a travás da súa páxina web e das súas redes sociais, a información que sexa subministrada polo SERGAS.

Segundo.- Solicitar igualmente a máxima colaboración no cumprimento do peche temporal decretado pola Xunta de Galicia no periodo comprendido entre as 00.00 horas do 27 de xaneiro ás 00.00 horas do 17 de febreiro de 2021, para as actividades e establecementos  abertos ao público e espectáculos públicos ao que se refiren o Decreto 8/2021, de 26 de xaneiro, da Presidencia da Xunta de Galicia e na Orde da Consellería de Sanidade de 26 de xaneiro de 2021 que poden ser consultados aquí.

As actividades de hostalaría e restauración poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios e apliquen as medidas de prevención necesarias xa tidas en conta nos protocolos observados con ocasión da declaración do primeiro estado de alarma para a xestión da crise sanitaria provocada pola COVID-19.

Os establecementos e locais comerciais poderán manter a súa actividade segundo os horarios marcados no Anexo á Orde da Consellería de Sanidade de 26 de xaneiro de 2021 dispoñible aquí.

Terceiro.- Para evitar desprazamentos innecesarios e reforzar a seguridade colectiva, os servizos municipais atenderanse de xeito telemático e telefónico (previa petición de cita previa), a través da sede electrónica, funcionando tan so presencialmente cando se careza doutros medios e sexa así imprescindible, previa petición de cita previa, rexistro xeral (oficina de atención da Casa do Concello), padrón de habitantes e emerxencia social.

Cuarto.- Realizaranse periódicamente limpezas públicas de desinfección dos lugares de uso común máis intensos durante os videiros días como farmacias, exteriores dos centros médicos,supermercados e tendas de alimentación, locais de hostalaría e restauración que poñan no noso coñecemento a realización de actividades de entrega e consumo a domicilio, tanatorio, gasoliñeiras, marquesiñas, bancos e outros lugares onde se da maior concentración de persoas.

Quinto.- Recollida de residuos para persoas afectadas

Actívase o servicio de recollida porta a porta de residuos sólidos urbanos para persoas infectadas por medio da concesionaria Valoriza Servicios Medioambientales, SA (teléfono de contacto 986770001).

Para a prestación do servicio cando sexa necesario o acceso ao interior de edificios levarase a cabo a través das persoas voluntarias de Protección Civil (986770001)

Sexto.- O concello pon a disposición da veciñanza os seguintes servicios de atención e apoio telefónico á cidadanía

Liña específica de atención telefónica COVID-19 no teléfono 604065517, e teléfono 986770001 para solicitar servicios especiais de recollida de residuos sólidos, traslado de alimentos ou medicación, nos casos de infección ou confinamento obrigatorio por COVID-19, para persoas en situación de risco e noutros casos que sexan así necesarios en auxilio da veciñanza, como no caso do reparto de material escolar.

Servicios Sociais manterán activo un programa de acompañamento telefónico ás persoas da terceira idade e aquelas que son máis vulnerables, para evitar os efectos do illamento, e coñecer de primeira  man o seu estado e poder facer seguimentos diarios 986 872401

Refórzase a liña de atención para situacións de emerxencia social nos Servicios Sociais a través da liña 986872401

Sétimo.- O concello manterá actualizada e difundirá diariamente a través da páxina web e das súas redes sociais, información sobre medidas adoptadas e recomendacións para a poboación.

Oitavo- Estas medidas serán obxecto de seguemento e avaliación contínuas en función do contido dos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia a partir da evolución da propia enfermidade no noso concello.

Noveno.- Recoméndase que toda a poboación permaneza nos seus domicilios efectuando tan so os desprazamentos e saídas estritamente necesarias, respectando as normas mínimas de prevención (distancias de seguridade interpersoal, uso das mascarillas)

Décimo.- Trasládase novamente o apoio do Concello a familias, colectivos, profesionais e xeral a todos os sectores e veciñanza, nestes duros momentos e o ánimo para facer fronte á situación para sair adiante.

DECRETO ALCALDÍA | BANDO DE ALCALDÍA

Poio, a 27 de xaneiro de 2021.

O Alcalde,

Luciano Sobral Fernández