Situación e Historia
O territorio do Concello de Poio localízase na marxe dereita da ría de Pontevedra, lindando cos concellos de Pontevedra, Sanxenxo, Barro, Meaño e Meis.
Ocupa unha superficie superior ós trinta e tres quilómetros cadrados con setenta e oito entidades de poboación dispersas nas súas cinco parroquias: Combarro, San Xoán de Poio, San Salvador de Poio, Raxó e Samieira, nas que residen case trece mil habitantes.
Esta área xeográfica formou parte da provincia de Santiago ata a división constitucional e a reforma posterior, que derivou na súa inclusión definitiva na provincia de Pontevedra. A totalidade das parroquias dependían daquela das xurisdiccións de Combarro e A Lanzada, ámbalas dúas con señorío do arcebispo de Santiago.
No proceso de establecemento constitucional dos concellos neste territorio, integrado no partido xudicial de Pontevedra, créase no ano 1836 o Concello de Poio, coa mesma configuración física actual, aínda que cunha parroquia menos, segregándose no ano 1867 a parroquia de Combarro da de San Xoán de Poio.
O Arquivo
Deste funcionamento continuado do concello ata a actualidade xorde un conxunto documental, conservado parcialmente, que foi obxecto de sucesivos tratamentos por parte do Servizo Técnico do Patrimonio Documental, derivando na actual situación, na que se dispón dun local debidamente equipado para a súa conservación, tratamento e consulta; ademais nos últimos anos creouse no seu cadro de persoal a praza de arquiveiro-bibliotecario para o seu tratamento e control.
O primeiro proceso organizativo levouse a cabo no ano 1984, acometéndose dende entón sucesivas actuacións de reincorporación, informatización e adaptación ó novo cadro de clasificación usado na actualidade para estes procesos, incluíndo a mellora e reforma do local e a publicación do seu inventario.
O Arquivo Municipal é a oficina que actúa como depósito donde se conservan ordenadamente documentos, escrituras e expedientes pertencentes e relacionados co Concello coa finalidade de ser empregados para a xestión administrativa, a información e para conservar a memoria histórica do noso Concello.
Servizos
- Consulta: O acceso á documentación é libre, coas restriccións que impoñen a lexislación vixente e o estado de conservación dos documentos. Para a consulta fai falla documentación acreditativa. Recomendámoslle que aporte tódolos datos ou documentos que poidan axudarnos a localizar a información que precisa.
- Reprografía: Pódense solicitar fotocopias suxeitas a taxas.
- Búsqueda de información de carácter interno solicitada polos negociados para a xestión municipal.