fbpx

Mapa Intereactivo

Visita Virtual



As entrevistas persoais permanecen suspendidas, pero mantense a “rigorosidade” a través da solicitude informes e referencias das persoas interesadas en adoptar. Tanto o operario municipal que xestiona a limpeza e coidado das instalacións como os membros da Asociación Fogarcan respectan as pautas de hixiene e seguridade establecidas contra o Covid-19.

A Canceira de Poio mantén a súa actividade durante o estado de alerta vixente. Nas dependencias situadas na parroquia de Combarro hai actualmente aproximadamente medio cento de cans.  O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, explica que actualmente o operario municipal que traballa na posta  a punto e limpeza das instalacións (e que foi contratado a principios deste mesmo ano, tal e como se acordou no seu momento) está acudindo ás mesmas tres veces á semana. Ademais, a Asociación Fogarcan tamén está moi pendente do coidado dos animais. “Estanse tomando as medidas de prevención, mantemento de distancia mínima entre  persoas e hixiene que recomendan as autoridades sanitarias para facer fronte ao Covid-19”, indica o edil nacionalista.

O traballo estase a desenvolver con normalidade, recalca Martínez, que sinala que se mantén activo o servizo de recollida de animais abandonados. Neste sentido, a Concellería de Medio Ambiente detectou unha redución de casos de abandono no que vai de mes. Ademais, tamén se mantén operativo o sistema de adopcións, se ben foi preciso modificar substancialmente os protocolos previos para dar cumprimento ás medidas marcadas polo estado de alarma e a situación de confinamento, que, de momento, se manterá vixente ata o vindeiro 11 de abril. Xosé Luís Martínez confirma que a día de hoxe permanecen suspendidas as entrevistas persoais previas que os membros de Fogarcan adoitaban a realizar coas persoas interesadas en adoptar. “O que se está a facer é solicitar referencias e informes. O proceso é un pouco diferente, pero seguimos sendo moi rigorosos. Do que se trata é de garantir que os cans acaban en familias axeitadas”, indica o concelleiro de Medio Ambiente, que agradece a implicación e o “gran traballo” que está desenvolvendo a Asociación Fogarcan, a pesar das circunstancias.

Actualmente o que si se suspendeu foron as saídas de voluntarios que se realizaban cada fin de semana para pasear aos animais que permanecen na canceira. “Retomaranse cando se levante o estado de alarma”, informa Martínez. O Concello de Poio é un dos poucos da provincia de Pontevedra que dispón dunha canceira municipal. Trátase dun servizo que permanece operativo desde mediados da década dos 90, coincidindo coa chegada á Alcaldía do actual rexedor, Luciano Sobral.

Axenda Municipal

25 Mai 2020
08:00AM - 05:00PM
Pleno Ordinario

Vindeiros Eventos

Sen eventos

Go to top