fbpx

Mapa Intereactivo

Visita Virtual

O Concello de Poio aposta por impulsar varias medidas, en materia tributaria, co obxectivo de paliar na medida do posible o impacto que está tendo na economía a situación xerada pola pandemia do Covid-19.

O Goberno local aposta por fórmulas como a suspensión do período de pago en voluntario de diferentes taxas municipais. A medida tamén afecta ao recibo correspondente ao segundo bimestre de servizos como o abastecemento de auga ou a recollida do lixo. A establecementos de hostalería e comerciantes do mercadillo de Combarro seralles devolta a parte proporcional da taxa correspondente ao tempo non que non poden realizar esta actividades. Garantir a axilidade no pago de facturas pendentes e a provedores é outra das prioridades do tripartito.

Así, os integrantes do equipo de Goberno acordan proceder á suspensión do pago en período voluntaria do Imposto de Vehículos de Tracción Motora (IVTM), previsto inicialmente para o prazo comprendido entre o 8 de abril e o 8 de xuño. Esta suspensión temporal tamén afecta a outras taxas que se recadan a través do ORAL, a raíz dunha resolución da Deputación de Pontevedra, como por exemplo o IAE ou o IBI. Ademais, o Concello confirma que, no caso das taxas de venda ambulante e de ocupación de vía pública, procederase á devolución da parte proporcional correspondente ao tempo durante o cal non se poida realizar a actividade, como consecuencia do estado de alarma. Esta medida vai dirixida fundamentalmente a aqueles establecementos de restauración que contan con terrazas e para os comerciantes do mercadillo de Combarro. Quedan, asemade, suspensas as taxas do cemiterio e dos vados, pendente de comprobación das datas de pagamento en período voluntario.

Con respecto aos recibos de servizos como o abastecemento de auga, saneamento e recollida de lixo, suspéndese temporalmente, mentres teña vixencia o estado de alarma, o abono correspondente ao segundo bimestre do ano (marzo e abril). O Goberno local acorda tamén desconta na cota de inscrición da próxima temporada de deporte base a parte proporcional ao período que non se puido exercer a actividade fixada, sen que isto supoña un prexuízo para os clubs. Neste aspecto, tamén existe o compromiso de devolver ou compensar as taxas correspondentes ás cotas do mes de marzo do ximnasio ou de diferentes actividades desenvolvidas por departamentos como Igualdade ou Benestar Social. Outra medida que se inclúe neste paquete de actuacións ten que ver cos contratos de aluguer de espazos municipais, sobre os que tamén se aplicará unha devolución da parte proporcional correspondente ao período no que non se poden utilizar estas dependencias.

No apartado de Emerxencia Social, achegarase unha partida de 12.000 euros, que servirán para axudar a aquelas familias en situación de risco. O equipo liderado por Luciano Sobral tamén traballa na posta en funcionamento de fórmulas que garantan axilidade á hora de facer fronte a pagamentos a provedores e de facturas. Para iso, procederase á aprobación destes pagos a través do recoñecemento extraxudicial dos abonos pendentes, a través da Xunta de Voceiros. Con respecto ao pagamento de impostos como o IBI ou IAE, non sería necesario realizar modificación algunha, posto que o período voluntario de pagamento comezaría o día 28 de xullo e 4 de  setembro, respectivamente. Respecto ao IIVTNU (Plusvalías) a lexislación establece o período dun mes para a presentación da documentación pertinente de compra/venta; non obstante os prazos administrativos están suspensos nestes momentos polo Real Decreto que declara o estado de alarma.

O alcalde, Luciano Sobral, entende que todas estas medidas deben servir para “axudar á nosa veciñanza, que continúa un comportamento exemplar e digno de eloxio ante a situación actual. Este esforzo é imprescindible e necesario para tratar de limitar o impacto económico que está producindo esta pandemia”, finaliza, ademais de facer fincapé na importancia de que estas actuacións pasen previamente pola análise dos departamentos de Intervención e Tesourería, “algo imprescindible para poder actuar axeitadamente”.

Axenda Municipal

25 Mai 2020
08:00AM - 05:00PM
Pleno Ordinario

Vindeiros Eventos

Sen eventos

Go to top