fbpx

Os integrantes que forman a Comisión de Seguimento do Covid-19 mantiveron na mañá deste luns unha nova reunión, na que se deu conta das actuacións realizadas ao longo dos últimos días, nos diferentes departamentos municipais, para continuar a loita contra a extensión do virus. Ademais, continúase traballando na elaboración e deseño de actuacións que se aplicarán en clave económica e financieira, en favor da veciñanza e do tecido empresarial local.

Trátase de medidas que están sendo analizadas polos departamentos de Intervención e Tesourería, de cara a confirmar plenamente a súa viabilidade. Tamén se está pendente de recibir, por parte da Deputación de Pontevedra, das circulares sobre as medidas do ORAL, aplicadas a raíz do estado de alarma.

Por outra banda,   o Concello de Poio, a través de Protección Civil, impulsa a creación dunha nova bolsa de voluntariado, á que se poderá recorrer en caso de emerxencia social, para desenvolver aquelas actuacións que estean relacionadas co estado de alarma decretado polo Goberno español o pasado 14 de marzo e que, de momento, está confirmado que continuará ata o vindeiro 12 de abril. Cómpre lembrar que Protección Civil forma parte da Comisión de Emerxencia, xunto á Policía Local, o alcalde, a concelleira de Seguridade Cidadá e o encargado xeral municipal. Os impulsores desta iniciativa explican que “nos últimos días foron moitas as persoas que nos fixeron chegar a súa intención de botar unha man. Por iso, artellamos esta fórmula da bolsa xestionada a través de Protección Civil, porque é o xeito máis responsable e seguro de habilitala”.

Deste xeito, todas e todos aqueles interesados en tomar parte en esta iniciativa deberán completar un formulario que xa está dispoñible na páxina web do Concello de Poio. O cuestionario solicita datos persoais e tamén as razóns e motivacións polas que a persoa que o recha quere formar parte do voluntariado. Posteriormente, realizarase unha entrevista previa ás actuacións a realizar.

Axenda Municipal

Sen eventos

Vindeiros Eventos

Sen eventos

Go to top