fbpx

A Policía Local de Poio habilita unha nova liña telefónica, que se pon a disposición da veciñanza, en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas (fins de semana incluídos), para informar e dar resposta a calquera dúbida vencellada á aplicación do estado de alarma vixente, que entrou en vigor o pasado día 14 de marzo. Este número de atención é o 604037260. O máximo responsable do corpo de seguridade, Antonio Duarte, explica que se trata dunha liña para atender de xeito exclusivo este tipo de cuestións, mentres que o resto de incidencias serán respondidas no número habitual da Policía Local (689575495).

O obxectivo desta medida é evitar o colapso da liña que utilizan os axentes que están en servizo ou patrullando, xa que nos últimos días son moitos os veciños e veciñas que queren poñerse en contacto coa Policía para coñecer polo miúdo máis detalles do estado de alarma, como poden ser as situacións nas que se permite abandonar o confinamento de xeito excepcional e os requisitos que deben cumprir. Neste aspecto, tanto Duarte como a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, fan especial fincapé á hora de solicitar á cidadanía que faga “un uso responsable” das canles comunicativas, a fin de evitar a saturación das liñas telefónicas ou das redes sociais. “Tanto a Policía Local como Protección Civil están traballando arreo para dar resposta ás demandas veciñais, pero a veciñanza debe facilitar o seu labor na medida do posible”, subliña a edil nacionalista, que entende que, no caso de realizar unha chamada telefónica, “debe respondera a situacións moi urxentes ou imprescindibles”.

A maiores, as forzas de seguridade establecen un protocolo co departamento de Servizos Sociais, destinado a garantir unha coordinación axeitada á hora de xestionar as solicitudes de auxilio a domicilio. Así, a través deste protocolo establécese, por exemplo, que sexa unha técnica de Benestar Social a que determine cales das chamadas que se reciban a través do teléfono da Casa Rosada son de emerxencia social. Nestes casos, a Policía Local e Protección Civil prestarán auxilio realizando diferentes tarefas a persoas infectadas polo Covid-19, cidadáns que non dispoñan de familiares aos que poder recorrer ou veciños e veciñas con problemas de mobilidade. Tamén se terán en conta outros factores, como a solvencia da persoa que require a axuda. Nos casos nos que non se poida acreditar esta solvencia, será Servizos Sociais quen asuma os custes, por exemplo, á hora de mercar alimentos ou medicamentos. Estas medidas extraordinarias manteranse vixentes mentres permaneza activo o estado de alarma.


Por outro lado, o corpo de seguridade municipal tamén está extremando as proteccións para evitar posibles contaxios. Neste sentido, lémbrase a necesidade de que os cidadáns só acudan ás dependencias da xefatura en casos imprescindibles, así como manter unha distanciamento mínimo e extremar as medidas de hixiene, especialmente o lavado de mans con xabrón ou xeles desinfectantes. Por último, a Policía Local volve incidir no bo comportamento que está tendo a veciñanza de Poio, en termos xerais, desde que se decretou o estado de alarma, xa que as denuncias e identificacións tramitadas son “limitadas” tendo en conta que no municipio habitan máis de 17.000 persoas.

 

Go to top