fbpx

Mapa Intereactivo

Visita Virtual

Os departamentos municipais de Intervención e Tesourería levan varios días analizando diferentes opcións para aliviar a situación económica da veciñanza, así como do tecido empresarial e os autónomos e autónomas de Poio.

A Comisión Municipal de Seguimento constata o “comportamento exemplar” que está tendo a cidadanía, á marxe de situacións moi puntuais, á hora de dar cumprimento das directrices marcadas polo estado de alerta

A Comisión Municipal de Seguimento do Covid-19 reuniuse na mañá de hoxe xoves, logo da súa creación oficial esta mesma semana, co obxectivo de impulsar todas as medidas necesarias para conseguir frear a propagación do virus, así como para analizar as actuacións que xa se veñen levando desde que se decretou o estado de alarma e a situación de confinamento vixentes. Un dos asuntos abordados foi a situación do pagamento das taxas municipais activas. Neste sentido, o Concello salienta que desde o pasado mércores os departamentos de Intervención e Tesourería xa están analizando diferentes opcións, que sirvan para impulsar o aprazamento dos abonos de prestacións por parte da veciñanza. As propostas dos técnicos municipais serán analizadas na vindeira convocatoria, que terá lugar o luns 23, ás 12.00 horas.

Dentro do aspecto económico, os integrantes da Comisión tamén incidiron na importancia de manter a axilidade á hora de facer fronte aos pagos da provedores.  Neste sentido, o Goberno local lembra que as facturas aprobadas na última Xunta de Goberno Local xa se pagaron. No sucesivo, ante a suspensión das convocatorias deste órgano municipal (xunto coas Comisións Informativas, a raíz do decreto aprobado recentemente para impulsar as pertinentes medidas de prevención na actividade municipal), continuaranse aprobando por vía decreto, a fin de evitar que se dilaten os prazos á hora de facer fronte aos abonos. “Temos o firme compromiso de ofrecer á veciñanza, aos autónomos e ao tecido empresarial de Poio ferramentas que axuden a brindarlles desafogo nunha situación tan complicada como a que estamos a vivir e que descoñecemos por canto tempo se vai a prolongar”, indica o Goberno local.

Por outra banda, a Comisión de Seguimento tamén aprobou estudar a opción de solicitar á Deputación de Pontevedra fondos do Plan de Emerxencias, que irían destinados a Servizos Sociais. Ditos fondos poderían ser utilizados para contratacións que servisen para reforzar o persoal ou ben para a adquisición de alimentos ou medicamentos para as familias que se atopen en risco económico. Na sesión, asemade, deuse conta das actuacións efectuadas durante os últimos días pola Mesa de Emerxencias, na que figuran, ademais do alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira de Seguridade, Marga Caldas, os responsables da Policía Local e de Protección Civil. Os corpos de seguridade constatan que, á marxe de incidencias ou incumprimentos moi puntuais, o comportamento que está tendo a veciñanza de Poio á hora de seguir as instrucións marcadas polo estado de alarma “está sendo todo un exemplo. A inmensa maioría dos máis de 17.000 habitantes que temos no noso municipio están seguindo debidamente as directrices estipuladas polas autoridades, o cal é de agradecer”, conclúen os dirixentes municipais. A Policía Local remite diariamente ao Ministerio de Interior un informe no que se inclúen as incidencias e denuncias tramitadas.

Cómpre lembrar que a Comisión Municipal de Seguimento do Covid-19 está formada polo alcalde, a concelleira de Seguridade; a responsable da área de Servizos Sociais, Rosa Fernández; Raquel Rodríguez, Silvia Díaz e Gregorio Agís (como representantes dos tres grupos do equipo de Goberno), o responsable da Policía Local, o encargado xeral e representantes do persoal do Concello.

Axenda Municipal

Sen eventos

Vindeiros Eventos

Sen eventos

Go to top