fbpx



A tenente de alcalde e edil de Participación Veciñal e Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), e o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), mantiveron na mañá deste mércores unha reunión na Casa Consistorial con representantes da empresa de transportes Monbus. Foi un encontro solicitado polos dirixentes municipais coa firma responsable do transporte público para darlles traslado da necesidade de acometer accións encamiñadas a mellorar o servizo. Tanto Díaz como Agís coinciden á hora de lembrar que as demandas transmitidas recollen as inquedanzas e necesidades “que nos transmitiron os veciños e veciñasen diferentes reunións previas”.

A tenente de alcalde e o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo fan unha valoración positiva da reunión, na que os representantes de Monbus amosaron a súa predisposición a estudar cuestións como a ampliación de frecuencias do transporte. Ademais, tamén se lles deu traslado doutras necesidades, como a indicación das paradas existentes no municipio, especialmente ao longo da PO-308, e a dotación dos horarios. Silvia Díaz e Gregorio Agís incidiron en que “na actualidade o servizo de transporte público en Poio é moi deficitario e non cubre, nin moito menos, as necesidades dos e das usuarias, especialmente tendo en conta a poboación e que Poio xa está plenamente consolidado como un destino turístico de referencia. De feito, estas demandas tamén son trasladadas deste este sector”. Son varias as razóns polas que o Concello ten claro que esta prestación, que depende da Xunta de Galicia, ten que experimentar unha notable mellora no menor tempo posible. “Por unha banda, temos claro que hai que o servizo ten que ter unha maior efectividade e operatividade, para facilitar os desprazamentos das persoas que necesiten viaxar a outras parroquias ou a concellos da contorna”, sinalan os edís do Goberno municipal, que tamén apelan ao feito de que un servizo de transporte eficiente tamén facilitará a redución da utilización dos vehículos particulares, feito especialmente importante na PO-308, onde “a densidade do tráfico rodado é moi alta, sobre todo no verán e en núcleos como San Salvador ou Combarro”.

Cómpre lembrar que a mellora do transporte público é un dos aspectos no que se fai fincapé no Plan de Mobilidade Urbano Sostible, aprobado polo Goberno local de Poio no ano 2019. Tal e como se indica no documento, un servizo de transporte efectivo axudaría a vertebrar a mobilidade no municipio e implicaría “unha recuperación do espazo público, coa correspondente redución da utilización dos vehículos particulares”. Isto redundaría na limitación de emisións e de pegada de carbono, cumprindo deste xeito co establecido na Axenda 2030, e un reforzo da seguridade viaria.

Segundo se recolle no plan, máis do 80% dos desprazamentos que realiza a poboación lévanse a cabo a través dos automóbiles particulares. Silvia Díaz e Gregorio Agís confían en que Monbus teñan en conta as peticións trasladadas, de cara a garantir unha liña de transporte “máis efectiva, regular, con toda a información necesaria con respecto a paradas e horarios e acorde a un concello da categoría que ten Poio”.

 

Go to top