fbpx

O Concello de Poio, a través da Concellería de Servizos Municipais, continúa a traballar de cara a adaptar as ordenanzas de servizos e fiscais locais no que se refire ao tratamento e xestión de residuos, de cara a dar cumprimento aos obxectivos que constan na normativa autonómica, así como na estatal e na europea. O concelleiro responsable do departamento, Julio Casás (PSdeG-PSOE), lembra que a Administración local procedeu á elaboración dun estudo técnico sobre xestión e prevención de residuos municipais para acadar esas metas. Para iso, contratouse á empresa especializada Enxamio Ingeniería Industrial, que nos vindeiros días dará a coñecer os resultados e as conclusións do devandito estudo.

Casás explica que, para poder realizar estas xestións, o Concello contou cunha subvención obtida a través do Plan Revitaliza, da Deputación de Pontevedra. Cómpre lembrar que Poio está adherido a este plan, a través do cal impulsa diferentes iniciativas encamiñadas ao correcto tratamento de residuos, e que tamén permitiu, entre outras actuacións, consolidar a instalación de composteiros comunitarios en diferentes puntos da parroquia de San Salvador, cunha gran resposta por parte da veciñanza no que ao seu uso se refire.

Con respecto ao estudo, Julio Casás sinala que a empresa levou a cabo “un traballo de campo moi amplo, con entrevistas a produtores locais e revisión das rutas de recollida e emprazamento dos contedores de lixo. Ademais, tamén se estudaron posibles alternativas e propostas para que o servizo sexa o máis eficaz posible e se optimice ao máximo tanto desde o punto de vista medio ambiental como económico, adaptándonos en todo momento ás esixencias que establecen as normativas nesta materia”.

 

Go to top