O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, informa de que os operarios do Concello están a levar a cabo desde hai varias semanas inspeccións e tarefas de reparación de diverso mobiliario urbano, así como a limpeza das redes de pluviais en diferentes puntos do municipio. Precisamente, ao longo dos últimos días estase a proceder á substitución de espellos en mal estado en Lourido (San Salvador) e Samieira. Tal e como lembra o propio edil do Goberno local, “son elementos importantes, porque axudan a reforzar a seguridade viaria á hora de realizar incorporacións e saídas en cruces, e algúns deles xa se atopaban nun evidente estado de deterioro”.
Asemade, Casás tamén pasou revista á limpeza de canalizacións e sumidoiros que se está a realizar, de cara a evitar aglomeracións de auga. “Está a ser un outono moi chuvioso, algo que, logo da situación de seca que vivimos nos últimos meses, é positivo, pero queremos que a rede estea en perfectas condicións de cara ao inverno”, sinalou. O concelleiro de Obras e Servizos Municipais anima á veciñanza a que, en caso de que teña constancia dalgunha deficiencia ou incidencia, se poña en contacto co Concello. Para iso, existe unha ferramenta moi efectiva, que é a Liña Verde, a través da cal desde a súa posta en funcionamento en 2016 xa se resolveron máis de 1.000 incidencias de todo tipo.
Para poder facer uso deste servizo é preciso instalar a pertinente aplicación nos dispositivos móbiles, algo que é totalmente gratuíto. Unha vez habilitado, o programa permite a usuarios e usuarias acceder acceder a un espazo específico para deixar constancia da incidencia. Inclúese, asemade, a opción de adxuntar unha imaxe. Unha vez se dá resposta á demanda, a persoa que se puxo en contacto recibe un aviso de que dita incidencia foi solucionada. Ademais, tamén é posible facer uso deste servizo a través da páxina web Lineaverdepoio.com. Precisamente, na páxina web do Concello de Poio (www.concellopoio.gal) existe unha ligazón que ofrece aceso directo a este espazo virtual.
“As brigadas e operarios municipais revisan de xeito periódico os servizos e o mobiliario, pero, dada a dispersión xeográfica de Poio, a colaboración cidadá resulta imprescindible para dar resposta ás necesidades no menor tempo posible”, conclúe Julio Casás.