fbpx

Baixo o lema ‘Poio planta cara á violencia’, o Concello de Poio, a través da Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller impulsa unha campaña chea de actividades para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que terá lugar o día 25. A tenente de alcalde e delegada desta área, Silvia Díaz (Avante Poio), e a directora do CIM, Raquel Morales, deron a coñecer os detalles das iniciativas que se desenvolverán co obxectivo de sensibilizar a todos os eidos da sociedade “sobre o dano que producen a desigualdade e as condutas violentas e machistas, ao tempo que axudamos a tomar conciencia sobre a magnitude do problema da violencia contra as mulleres”.

DESCARGAR PROGRAMA COMPLETO

No acto tamén estiveron presentes representantes das asociacións que forman parte do Consello Municipal da Muller e Mila Alonso, autora da exposición "Mans de Muller" que poderá visitarse durante todo o mes de novembro no Casal de Ferreirós.

A campaña aposta por consolidar unha fórmula que xa en edicións anteriores supuxo todo un éxito de implicación e participación. Deste xeito, vólvense a organizar actividades pensadas para o tecido educativo, o asociativo e para a cidadanía en xeral, dándolle un marcado protagonismo ás redes sociais. “Crearase un ‘photocall’ para xerar contidos a través de imaxes que nos achegue a cidadanía que sirvan para concienciar sobre a necesidade de acadar unha sociedade libre e non violenta”, explicou Díaz. Así, durante todo mes de novembro, as fotos poderanse subir a Facebook, Instagram ou Twitter, co uso de cancelos como #poioplantacaraaviolencia #25N ou #cimpoio.

Un dos actos centrais da campaña será a andaina Paso a Paso Libres de Violencia de Xénero, que terá lugar o domingo 27 de novembro, desde o Bosque das Mulleres de Lourido ás 11.00 horas e con chegada á Praza da Chousa en torno ás 12.30. As primeiras 150 persoas que se inscriban a partir do 11 de novembro no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. recibirán lotes cos materiais de sensibilización desta campaña. Unha vez en Combarro, procederase á lectura colectiva do manifesto polo 25-N xunto coas representantes das asociacións de mulleres e exhibirase unha mostra dos traballos que xa desde o mes de outubro están a realizar as asociacións que forman parte do Consello Municipal. FORMULARIO DE INSCRICIÓN

“As asociacións Mulleres do Mar, Mulleres Progresistas, Arela, Mulleres en Igualdade, Ariños do Mar, AV Lourido, AV O Bao e AV A Laxe participaron activamente no desenvolvemento desta campaña. O traballo que realizaron nos obradoiros recolleuse en obras audiovisuais que dan visibilidade á mensaxe contundente de rexeitamento da violencia sobre as mulleres”, explicou a tenente de alcalde, que quixo salientar a gran implicación do tecido asociativo nesta campaña.

A programación do 25-N tamén se centra no ámbito educativo, coa organización de talleres e obradoiros dirixidos aos máis de 200 alumnos e alumnas do IES Poio. Así, volverán as sesións sobre novas masculinidades e o ciclo sobre empoderamento feminino. “Son formacións para previr e eliminar as discriminacións, cuestionando a masculinidade patriarcal, ao tempo que se afonda nos valores da propia estima e o respecto ás persoas”, detallou a responsable de Igualdade. Ademais, o día 22 de novembro chegará ao instituto o stand Agresións OFF: Eu digo non á violencia sexual, cedida pola Secretaría Xeral de Igualdade. Neste posto o alumnado poderá atopar material de sensibilización sobre a violencia machista.

Por último, Díaz lembrou que o propio 25 de novembro haberá un parón institucional ás portas do Consistorio, ás 12.00 horas, na que se fará lectura da moción conxunta, elaborada por todos os grupos da Corporación municipal, na que se expresa “o noso firme compromiso para conseguir que Poio sexa un municipio libre de violencia de xénero”.

 

Go to top