A Casa Museo de Colón, en Portosanto, acollerá o vindeiro 10 de novembro a quinta edición da Xuntanza Coloniana, na que se nomeará Coloniano de Honra a Roberto Taboada Rivadulla, tal e como informaron os responsables da Asociación Galicia Histórica. Esta homenaxe serve para facer un recoñecemento a un persoeiro que, ademais de contar cunha ampla traxectoria política como concelleiro en Pontevedra e como deputado autonómico, acumula unha dilatada experiencia en diversas disciplinas artísticas, como a escritura, o debuxo, o deseño ou a pintura.
O acto de entrega, no que participará o alcalde, Luciano Sobral, será ás 13.00 horas. Posteriormente, terá lugar unha visita guiada polas instalacións do museo para, a continuación, celebrar un xantar no Restaurante Casa Angelita, en Lourido. Desde a Asociación Galicia Histórica confírmase que o período de inscrición para poder participar na comida permanecerá aberto ata o vindeiro martes, 8 de novembro. O prezo do menú será de 25 euros, que se poderán ingresar na conta de Abanca ES73 2080 3116 06 30 4000 7448.
Deste xeito, Roberto Taboada sucede como Coloniano de Honra a Xosé Espiño Matos, que recibiu este galardón en 2020 (cómpre lembrar que a iniciativa desenvólvese con carácter bianual). Os impulsores do evento entenden que o expolítico, escritor e comisario de numerosas exposicións cumpre cos requisitos e valores que o fan merecedores deste recoñecemento. O alcalde Sobral amosa a súa satisfacción por este nomeamento e recalca que o galardoado “é un referente cultural, político e social no país”. Taboada Rivadulla naceu en Pontevedra en 1953 e, ademais de exercer como mestre, contou cunha dilatada traxectoria política e tamén de colaboración con diferentes medios de comunicación. Dous traballos seus lle serviron para ser finalista do Premio de Xornalismo Julio Camba e acadar o segundo posto no Certame Luis Tilve. Asemade, compaxinou estes labores sendo comisario dun gran número de exposicións, ás que achegou parte do seu importante arquivo documental. Precisamente, unha destas mostras versou sobre Cristóbal Colón e foi impulsada no ano 2014.
A figura do navegante tamén está presente na publicación feita polo homenaxeado no ano 2018, ‘Colón nacido en Pontevedra’. “O seu traballo na defensa da teoría do Colón galego o fan merecedor desta homenaxe”, sinala Luciano Sobral.